Por Europa Press / Redacción | Lugo | 19/01/2022 | Actualizada ás 19:32
A plataforma Vía Galega denunciou os reiterados ataques á difusión das actividades que desenvolve "a prol dos dereitos sociais e nacionais de Galiza", concretamente ao aparecer danados 11 paneis da exposición itinerante 'Galiza, un pobo, unha selección', instalada en Lugo.
Esta última acción, insisten, súmase á desaparición dunha pancarta para difundir a mostra no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, e "ás mensaxes fascistas sobre os carteis de Vía Galega en diversos vilas e cidades nos últimos meses".
"Estes danos provocados, cunha maneira de actuación e intencionalidade semellantes, son produto de posicións alimentadas pola ultradereita e por responsables políticos que se manifestaron publicamente en contra das actividades promovidas por esta plataforma que integra a máis de 60 asociacións sociais, culturais e deportivas de todo o país", din.
Para Vía Galega, estas actuacións son "consecuencia de actitudes en contra da liberdade de expresión e de dereitos democráticos fundamentais" contra unha campaña que reivindica "o dereito a competir a nivel oficial como galegos e galegas en todas as disciplinas deportivas".
Así, afirman que "se están recadando numerosos apoios e interese por parte do público que visita as exposicións", cuxos obxectivos, lembran, son "fortalecer a autoestima e a conciencia nacional mediante o deporte; potenciar os deportes galegos, a súa historia e a importancia para a cultura galega, ademais de incidir na galeguización do deporte e de impulsar a igualdade de xénero".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.