Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2022 | Actualizada ás 17:32
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europa (UE), Jesús Gamallo, presidiu a reunión do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), na que se presentou e aprobou sen votos en contra o Plan anual 2022 da cooperación galega, que contará cun orzamento de 7,8 millóns, un 5,2% máis que en 2021.
Diso informou a Vicepresidencia primeira da Xunta nun comunicado, no que explica que, neste Plan anual 2022, enmarcado no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, que seguirá vixente neste ano, recóllese a publicación das convocatorias plurianuais de subvencións para proxectos de cooperación no exterior e outros axentes de cooperación, de acción humanitaria e de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, así como a de seis bolsas de formación para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.
Ademais, no 2022, manterase a liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia, co obxectivo de dar resposta por parte da Xunta cando se produza un chamamento internacional debido a unha catástrofe ou crise humanitaria e tendo en conta o actual contexto da pandemia da covid-19.
Nesta liña, está prevista a firma de convenios coas ONGD Farmamundi e Asociación Solidariedade Galega con Pobo Saharauí (SOGAPS), así como cos Comités españois das Axencias das Nacións Unidas, ACNUR, UNRWA e UNICEF, entre outras organizacións.
Na reunión tamén se deu conta das actuacións levadas a cabo no marco do Plan anual 2021 que, segundo indicou a Xunta, tivo un grao de execución dun 100%, así como das actuacións levadas a cabo ao longo do ano por outros departamentos da Xunta de Galicia no ámbito da cooperación para o desenvolvemento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.