Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/01/2022 | Actualizada ás 14:44
Galicia rexistrou en 2021 as 112 doazóns de órganos e realizou 298 transplantes nos seus hospitais, co que alcanza a marca de 40 doantes por millón de habitantes, cun 41,6 --un punto por enriba da media estatal--, meta sinalada pola Organización Nacional de Transplantes.
Estas son algunhas das cifras que recolle o informe sobre a situación das doazóns e transplantes en 2021, presentado este venres polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; a directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López; e pola coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas.
Baixo o lema, "un doante de órganos pode salvar ata sete vidas", destacaron que, a pesar de que as cifras se viron alteradas por mor da pandemia de covid-19, "son datos moi destacables se se ten en conta a situación".
Por provincias, a da Coruña lidera as doazóns de órganos, con 69; seguida pola de Pontevedra, con 21; e por Lugo e Ourense, que pasan de sete a 11 doazóns en ambos os casos, tal e como destacou a directora de ADOS.
No que respecta aos transplantes, e tendo en conta que só os complexos da Coruña e Santiago están autorizados para facelo, baixaron aos 298 desde os 328 rexistrados en 2020. Encarnación Bouzas explicou que, máis aló da pandemia, a efectividade dos tratamentos contra a hepatite C e a necesidade de órganos noutros puntos do país xustifican este descenso.
No CHUAC, leváronse a cabo 100 transplantes de ril (88 en 2020); 51 de fígado (cinco menos); un de páncreas (un menos); 24 de corazón (cinco menos) e 48 de pulmón (cinco menos). O CHUS, pola súa banda, realizou 40 transplantes de ril en 2021 (13 menos que en 2020) e 34 de fígado (13 menos).
Destacan ademais que a cifra de transplantes de pulmón foi a segunda máis alta en Galicia desde o comezo do programa en 1999, cunha taxa de 17,8, que supera en dez puntos a media nacional.
"Desde que se realizou o primeiro transplante de órganos en 1981, e ata decembro de 2021, nestes 40 anos, leváronse a cabo 8.921 transplantes", subliñaron, o que outorgou "unha segunda oportunidade" a case 9.000 galegos, en palabras da doutora López García.
Dos 8.921 transplantes, 4.632 foron de ril, 2.511 de fígado, 879 de corazón, 783 de pulmón e 116 de páncreas.
En canto á medula ósea, Galicia rexistrou en 2021 un total de 786 novos doantes, co que o sistema contabiliza 13.237 doantes, que permitiron 9.000 transplantes efectivos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.