Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/01/2022 | Actualizada ás 18:36
A Federación Nacional de Asociacións para a Loita Contra as Enfermedades do Ril (Alcer) en Galicia denuncia que a área sanitaria da Coruña "exclúe" a máis de dez persoas do transporte que necesitan para acudir a un centro hospitalario para recibir diálese.
A Federación sostén que a área da Coruña é a única de Galicia que non ofrece un servizo de traslado directo entre o domicilio do paciente e o centro onde se realiza o tratamento de hemodiálise, que lembrou que é vital para quen o recibe e non se pode interromper.
A asociación asegurou que se mantén en contacto coas persoas que non poden acceder ao servizo de transporte e sinalan que todas teñen un perfil similar: son persoas de idade avanzada, con escasos recursos, polo que non poden asumir un desprazamento privado e que, pola súa estrutura familiar, dependen dunha terceira persoa para poder realizar este desprazamento.
Alcer Coruña afirmou que, como entidade que representa as persoas con enfermidade renal, esgotou a vía formal de petición de mellora desta situación, a través de reunións e escritos formais tanto co Sergas como coa xerencia da área Sanitaria da Coruña.
Ademais, engadiron que, tras máis de tres anos desde a comunicación desta situación, aínda non se resolveu, polo que tras presentar o caso no Consello Asesor de Pacientes da área sanitaria da Coruña, procede, tras o seu consentimento, a facer público o caso dunha das persoas afectadas.
O caso en cuestión trata sobre unha muller de preto de 90 anos de idade que realiza tratamento de hemodiálise cinco días á semana. A familia da muller, que vive nunha residencia de maiores de Santiago de Compostela, solicitou o seu traslado a unha residencia da Coruña, o cal foi concedido.
A muller, segundo Alcer, aínda está á espera de poder cambiar de residencia porque desde a área Sanitaria da Coruña non se lle concede o servizo de transporte desde a residencia ata o centro hospitalario. Alcer asegurou que, se se continúa sen a confirmación do servizo de transporte, esta muller corre o perigo de perder a praza na residencia solicitada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.