Tachan de "inconstitucional, ilegal, e inútil" a implantación do pasaporte Covid en Galicia

A Asociación Domo Acción Galicia ve no certificado covid unha medida de carácter político inxustificada dende o punto de vista sanitario e carga duramente contra as normas autonómicas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/01/2022 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Constituída en novembro de 2020 coa finalidade de velar pola "protección da saúde, o benestar dos galegos e galegas e a defensa dos seus dereitos fundamentais", a Asociación Domo Acción Galicia vén de remitir no día de hoxe aos medios un estudo sobre a implantación do pasaporte covid en Galicia. No comunicado non só cuestionan que sexa "imposto  selectivamente en determinados sectores e establecementos", senó que lamentan o "gravísimo, innecesario, ineficaz e desproporcionado dano que están a sufrir os dereitos fundamentais do ser humano".

Carteis de indicacións de obrigatoriedade de presentar certificados antes de acceder ao interior, nunha marisquería da Rua dá Raiña, o día en que o TSXG declara nula a petición de certificado Covid para a hostalaría, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press
Carteis de indicacións de obrigatoriedade de presentar certificados antes de acceder ao interior, nunha marisquería da Rua dá Raiña, o día en que o TSXG declara nula a petición de certificado Covid para a hostalaría, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press

Así, e dende o seu punto de vista, a Asociación Domo Acción Galicia sostén que hai normas de rango superior en xerarquía "que se están vulnerando sistematicamente por quen esixe a exhibición do devandito pasaporte sen habilitación expresa de normas con carácter de Lei Orgánica". E critican, ademais, a "total ineficacia e inutilidade de dita medida dende o punto de vista sanitario".

Entre outros tantos argumentos, Domo Acción Galicia esgrime nos seus postulados que esixir 

a exhibición dun certificado que conteña datos de saúde como condición para entrar en lugares ou espazos de uso público é "anticonstitucional e ilegal". Porque dende o equipo legal da asociación entenden que a esixencia de exhibición do pasaporte Covid implica a afectación de varios dereitos fundamentais, "os cales segundo o art. 81 da Constitución só poden ser regulados por Lei Orgánica". Ademais, o equipo xurídico sostén que as normas da Consellería sobre o pasaporte Covid vulneran directamente varios preceptos da lexislación europea e española de protección de datos.

A Asociación Domo Acción Galicia considera o pasaporte covid unha medida de carácter político "utilizada cunha exusa sanitaria e que carece de calquera evidencia científica en canto á súa utilidade". E a súa inutilidade reside, tal e como expresan, en que: só se esixe o pasaporte a clientes, e non a empregados; non se esixe o pasaporte en centros comerciais ou supermercados onde se aglutina unha gran cantidade de xente; ou "o risco, se é que o hai, nin diminúe nin aumenta xa que se condiciona só a entrada en interiores e non en terrazas nin anexos do establecemento".

Non é a primeira vez que Domo Acción Galicia se mostra crítica coas medidas levadas a cabo pola Consellería de Sanidade. Hai meses, a asociación interpuxo un recurso no TSXG contra contra o protocolo aprobado pola Xunta para o curso 2020-2021 que obrigaba ao estudantado de centros non universitarios de Galicia a utilizar máscara debido á crise sanitaria. A entidade entendía que había  "unha vulneración do dereito á vida, integridade física e moral" polos "danos e prexuízos" ocasionados aos menores", pero finalmente o Tribunal de Xustiza de Galicia tombou o recurso.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta