Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/01/2022 | Actualizada ás 16:36
A Sala Primeira do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera nulo o despedimento dunha traballadora de Conservas Carnota (grupo Conservas Dani), afiliada a CC.OO., por vulneración de dereitos sindicais e ordena a súa readmisión.
Deste xeito, o alto tribunal revoga o fallo emitido en primeira instancia e considera que o despedimento "constitúe a lesión dun dereito fundamental de liberdade sindical", dado que a traballadora formaba parte dun sindicato incómodo para a empresa ao gañarlle nos últimos anos máis dunha vintena de reclamacións xudiciais.
E é que se expón que xunto a esta empregada despediuse a outras tres traballadoras --cuxas demandas se atopan en distinta fase procesual-- fixas-descontinuas e afiliadas de CC.OO. O TSXG indica que eses despedimentos, notificados en decembro de 2020, "incidían decisivamente no resultado das próximas eleccións" sindicais, que tiveron lugar no verán de 2021.
O alto tribunal tamén lle reprocha á empresa que na carta de despedimento fixese mención a unha diminución do seu rendemento, "especialmente no último mes", cando nese período a traballadora estaba de baixa médica.
A Sala insta a Conservas Carnota e ao grupo Conservas Dani a readmitir á traballadora nas mesmas condicións, a abonarlle os salarios de tramitación e a pagarlle unha indemnización de máis de 6.000 euros para resarcila polo dano moral sufrido, ademais de abonar as costas xudiciais. Contra o fallo cabe interpor recurso de casación.
CC.OO. censura a "torpe escusa por parte da conserveira" para este despedimento e aplaude que esta sentenza chegue no medio da mobilización do sector conserveiro para esixir un convenio colectivo digno. Precisamente, os traballadores volverán á folga o 3 e 4 de febreiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.