Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2022 | Actualizada ás 18:55
A poeta e activista social Luz Fandiño dará nome á praciña da Ponte do Sar na capital galega. A proposta, presentada polo BNG no pleno do Concello de Santiago, foi aprovada este xoves cos votos a favor de nacionalistas e Compostela Aberta e coas abstencións de PP e PSOE.
Esta moción para designar co nome de Luz Fandiño a praciña da Ponte do Sar tamén incluía a proposta de facer un acto este 8 de marzo para recoñecer a súa traxectoria e celebrar o Día das mulleres, ademais de colaborar cos colectivos feministas na organización de eventos e mobilizacións que se convoquen.
Luz Fandiño é unha poeta e activista social que naceu en 1931 no barrio do Sar. Cumpriu xa, por tanto, os 90 anos de idade. Goza dun importante recoñecemento social, sobre todo entre a poboación máis nova, pola súa vitalidade e inconformismo. En 1952 emigrou a Arxentina e en 1964 a Francia, para retornar a Santiago de Compostela en 1979, despois da ditadura franquista.
Outra das mocións do BNG aprobadas foi unha iniciativa cunha batería de propostas para fomentar o uso da lingua galega na administración local. En concreto, propuxo elaborar un novo regulamento de uso da lingua, dotar de máis recursos económicos e de persoal o Departamento de Lingua Galega e fornecer os recursos necesarios para mellorar a competencia e calidade lingüísticas do persoal municipal.
Tamén inclúe a petición de esixiralles ás empresas concesionarias de servizos públicos que garantan a atención e comunicación en galego para as persoas usuarias e o público de Santiago de Compostela. Aprobouse cos votos do BNG e CA e mais as abstencións de PSOE e PP.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.