A Xunta destina 16,2 millóns á contratación dunhas 1.300 persoas en concellos galegos

O DOG publica este martes tres ordes de axudas destinadas á contratación nas entidades locais de persoas desempregadas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2022 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

A Xunta destinará este ano 16,2 millóns a apoiar a contratación de máis de 1.300 persoas sen emprego nos concellos galegos a través de tres convocatorias de axudas que este martes se publican no Diario Oficial de Galicia (DOG): o programa Aprol Rural, a dirixida á contratación de persoas perceptoras da Renda de Inserción Social de Galicia (Risga), e a destinada a fomentar a empregabilidade para acometer obras e servizos de interese xeral ou social.

A través destes apoios, conforme sinalou a Consellería de Emprego nun comunicado, a Xunta persegue incentivar a xeración de emprego local e garantir a ocupación de persoas desempregadas, especialmente das que teñen maiores dificultades de inserción social.

O DOG recolle, por unha banda, as bases e a convocatoria do programa Aprol Rural con 7 millóns de euros. No marco do mesmo, prevese a contratación de 550 persoas desempregadas en 285 municipios rurais galegos para acometer tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, limpeza de montes e xestión de biomasa.

Os apoios a percibir polas entidades locais, neste caso, van dos 13.970 euros aos 20.250 euros, en concepto de gastos salariais segundo o grupo de cotización. Terán prioridade os municipios fusionados ou os emprendedores. Os contratos terán unha duración de 9 meses a tempo completo.

Por outra banda, actívanse este martes as axudas destinadas á contratación dunhas 285 persoas perceptoras da Risga, cun orzamento de case 7,7 millóns, que terán como destino 190 municipios ou agrupacións de municipios. O obxectivo é proporcionar ás persoas destinatarias --en risco de exclusión social-- un contrato temporal que lles permita adquirir a práctica profesional necesaria para facilitar a súa inserción laboral. Neste caso dáse cobertura aos gastos salariais totais derivados da contratación por un período máximo subvencionable de 9 meses e do 50% ao 75% da xornada.

Por último, o Goberno autonómico inviste 1,5 millóns de euros para apoiar en 220 concellos galegos a contratación de 490 desempregados e desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social. Os contratos serán de tres meses --no caso de que sexan a tempo completo-- ou de seis para os de tempo parcial, con contías que irán desde os 1.555 euros aos 2.700? segundo o grupo de cotización das persoas contratadas.

Nos tres casos, o prazo de solicitude ábrese este mércores e terá unha vixencia dun mes, ata o 2 de marzo. Con todas estas medidas, a Xunta busca mellorar a empregabilidade das persoas participantes e colaborar coas entidades locais na integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego.

O Goberno galego reforzou a súa aposta polos colectivos priotarios e desenvolverá este 2022 tres actuacións específicas para eles por unha contía global de 132 millóns de euros: o plan Emprega Muller, o Emprega Xuventude e o Emprega Discapacidade-Exclusión Social. Neste último enmárcanse a axuda para perceptores da Risga.

O conselleiro do Medio Rural, José González, durante unha visita para comprobar os traballos de roza en Negreira, como medida de prevención contra os incendios.. XUNTA DE GALICIA
O conselleiro do Medio Rural, José González, durante unha visita para comprobar os traballos de roza en Negreira, como medida de prevención contra os incendios.. XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta