Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2022 | Actualizada ás 19:03
A TVG emitiu un comunicado no que reivindica que "nin para 'Luar' nin para as Tanxugueiras hai fronteiras", xa que o programa que presenta Xosé Ramon Gayoso, e que neste 2022 cumpre 30 anos en antena, mostra que "segue conectando co público de todo o mundo e de todas as idades".
Segundo informa, o '#LuarTanxugueiras' deste venres pola noite tivo unha cota de pantalla do 19,1% superando en máis de dous puntos a seguinte canle (A3), e duplicando case en auciencia a oferta de Telecinco.
Tanxugueiras foron as protagonistas do espazo, que tamén deixou "para a historia" unha conexión simultánea en directo entre dous programas de televisión de TVG e TVE.
E é que 'Luar' e 'As claves do século XXI' facilitaron unha conversación entre Tanxugueiras e Chanel, na que todas lanzaron mensaxes en defensa da música e contra os discursos do odio.
Ao longo de toda a emisión, a TVG recibiu mensaxes de todas as partes do mundo que ían aparecendo na pantalla, á vez que se mesturaban actuacións no estudio de varios artistas con homenaxes ás Tanxugueiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.