Allariz aposta pola 'socialización' e o 'control emocional' para afrontar os males da pandemia

Con esta intención nace "Ven airear!", un espazo que definen como de crecemento persoal e para a convivencia. O obxectivo principal desta actividade é prantarlle cara de forma compartida aos momentos difíciles que estamos a pasar.

Por X.M. Fernández | Allariz | 09/02/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

“Ven airear!” é un lugar no que compartir estratexias de afrontamento en momentos difíciles e no que intercambiar recursos para o manexo das nosas emocións. Trátase dunha nova proposta que parte da área de Benestar Social do Concello de Allariz.

Fogar dos Maiores de Allariz. Foto: allariz.gal
Fogar dos Maiores de Allariz. Foto: allariz.gal

"En situacións excepcionais de gran incerteza a colectividade, a conexión coas outras, o sentimento de pertenza, sentirse acompañada e o intercambio de saberes é clave para o manexo do medo e da ansiedade", segundo explica Beatriz Pérez, técnica de igualdade.

Con esta actividade tentarase adquirir nocións básicas para entender os estados emocionais que máis nos están afectando actualmente, identificalos e probar prácticas sinxelas para o seu manexo e dominio. Está aberta a toda a poboación que queira participar e relizarase dúas veces ao mes: os mércores cada 15 días, das 16:30 ás 18:00 h.

O mércores 9 de febreiro será a primeira das sesións no Fogar dos Maiores en Allariz. Para anotarse ou obter máis información o concello facilita un número de teléfono, 988 55 40 59, e un correo electrónico igualdade@allariz.gal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta