Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2022 | Actualizada ás 10:24
Os titulares de locais de lecer nocturno que optaron por pechar os seus establecementos o pasado fin de ano poderán optar a axudas de entre 2.500 e 45.000 euros en función das dimensións do local a partir deste martes, despois de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicase a convocatoria do programa dotado con 3,5 millóns de euros.
Segundo recolle o DOG, terán dereito a acceder a estas axudas directas os empresarios que comunicasen previamente á Xunta a súa decisión de suspender a súa actividade entre as 00,00 horas do 31 de decembro de 2021 e as 03,00 horas do 3 de xaneiro deste ano.
As contías acordadas co sector dependerán da superficie dos establecementos. Así, para os locais de lecer nocturno de menos de 100 metros cadrados prevense axudas de 2.500 euros; 5.500 euros para os de entre 100 e 250 metros; 9.000 euros para os de entre 250 e 500 metros; 14.000 euros para os que conten cunha superficie de entre 500 e 700 metros; 27.000 euros para os que dispoñan de entre 700 e 2.000 metros cadrados e un total de 45.000 euros para os grandes establecementos de máis de 2.000 metros cadrados.
O Goberno galego calcula que un total de 700 establecementos, entre discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festa e de concertos poderán adherirse aos apoios que se financiarán con fondos europeos REACT-EU.
Neste sentido, a Xunta lembrou que a situación provocada polo Covid-19 a finais do ano pasado obrigou ás autoridades sanitarias galegas a levar a cabo medidas extraordinarias para minimizar o impacto económica e apoiar o mantemento do emprego. Por iso decidiuse a creación de axudas para os locais que permanecesen pechados en fin de ano, co fin de evitar un aumento dos contaxios. O prazo de solicitude estará aberto desde este mércores e ata o 15 de marzo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.