Cando traballar como científico en Galicia ten o seu premio

A oitava edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia contará con tres categorías que están dotadas cada unha delas con 6.000 euros.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/02/2022 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, convoca os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2022 coa pretensión de recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre a cidadanía.

Investigadoras da USC
Investigadoras da USC | Fonte: Fonte: Santi Alvite

Na súa oitava edición, os galardóns divídense en tres categorías. O premio "Francisco Guitián Ojea" distinguirá un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, a cargo dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

O premio "Fernando Calvet Prats" destacará un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa. Irá destinado ao grupo de investigación creador da tecnoloxía transferida.

E por último, o premio "Ricardo Bescansa Martínez" galardoará un caso de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía transferida, froito da colaboración cun grupo de investigación galego. Irá destinado á empresa que implantara con éxito a tecnoloxía transferida.

Aos dous primeiros premios poderá concorrer todo o persoal adscrito a centros de investigación emprazados en Galicia, incluíndo os centros tecnolóxicos. Ao terceiro, poderán optar empresas galegas ou que teñan un centro de traballo radicado en Galicia.

En ningunha das tres modalidades poderán resultar galardoados grupos de investigación ou empresas que foran premiadas nalgunha das tres edicións anteriores do certame, así como tampouco as académicas e académicos da RAGC.

O prazo para a recepción de solicitudes ábrese hoxe martes, 15 de febreiro, e pecharase o vindeiro 15 de abril. A tramitación das candidaturas farase de xeito telemático, a través dun formulario específico para cada categoría dispoñible nas webs da RAGC e de GAIN. Unha vez cumprimentado, o formulario será remitido a este enderezo electrónico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta