Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 17/02/2022 | Actualizada ás 16:35
O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, Juan Carlos López Corbacho, denunciou que "quen está a pechar" a planta da Coruña "son as administracións" e non "a propia Alcoa" despois de que a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, asegurase que "o único culpable da situación que viven os traballadores de Alu Ibérica chámase Alcoa".
Traballadores de Alu Ibérica concentráronse este xoves fronte ao Concello da Coruña para denunciar unha "traizón tremenda" por parte das administracións.
"Isto está cada vez peor", sostivo o presidente do comité, que lamentou que cada vez quede "menos tempo" e que aínda non haxa solucións "enriba da mesa" para buscar unha saída laboral e industrial á planta.
Corbacho asegurou que os empregados se senten "abandonados" e instou ao Goberno central a "cumprir as promesas" que lles foron facendo.
Pola súa banda, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, indicou que "non hai novidade". Ademais, asegurou que desde o ministerio seguen traballando en varias vías de solución, pero "non hai ningún avance" neste sentido e manifestou que descoñece cando será a próxima reunión.
Respecto ao goberno local, o presidente do comité denunciou o seu "auténtico deixamento". Afirmou que a alcaldesa, Inés Rey, está "desaparecida" desde que prometeu enviar unha carta ao Goberno e á Xunta en apoio a Alu Ibérica. "Non volvemos saber dela, nin sabemos se contestou alguén a esas cartas", declarou Corbacho.
En relación á existencia de dúas empresas interesadas na planta da Coruña, segundo confirmou o Ministerio de Industria e o propio comité hai máis dun mes, Corbacho explicou que a única información que teñen ata o momento é que os investidores "están interesados na planta, pero non no persoal".
Desde o comité de Alu Ibérica volven reclamar que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) "reflote" a planta na Coruña. Consideran que é unha operación "sen risco algún" xa que ten uns activos de "douscentos e pico millóns de euros, contra unha débeda de 20 millóns".
Corbacho cualificou de "incrible" que un organismo estatal "non estea a velar" por rescatar empresas "como esta", que son sustentables e estratéxicas para o país.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.