Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/02/2022 | Actualizada ás 16:48
O Partido Popular de Galicia reivindicou este luns en Padrón o legado de Rosalía de Castro como "fonte de inspiración en toda España e un motivo de profundo orgullo para Galicia". "A súa traxectoria é símbolo do mellor da nosa cultura, un punto de encontro e un referente de que as linguas son ferramentas para unir os pobos, nunca para dividilos", manifestou o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, na ofrenda floral que o partido celebrou en Padrón en homenaxe ao poeta referente da literatura galega.
Na semana na que se cumpren 185 anos do seu nacemento, Tellado, acompañado polo portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, e o resto de integrantes do Grupo Parlamentario Popular, insistiu en que reivindicar a Rosalía é a "mellor forma de homenaxear á cultura galega e española rica e integradora". Ademais, no acto participou o alcalde da localidade, Antonio Fernández.
Tras destacar que os galegos constrúen sempre "sumando" e "unindo", lamentou que "na última década cobrasen forza en toda España nacionalismos excluíntes, forzas que definen a súa identidade en contraposición ás demais, que para facer valer o propio necesitan atacar o alleo, que levantan muros e que impoñen linguas e pensamentos únicos cunha visión limitada".
Fronte a iso, destacou a "enrome riqueza dunha Galicia aberta e moderna e dunha España libre e plural das que a autora estaría profundamente orgullosa". Ademais, lembrou que Rosalía, adiantada ao seu tempo, foi clave no 'rexurdimento' das letras galegas, na recuperación da conciencia galeguista e fundamental no panorama literario do século XIX, rompendo barreiras e demostrando que o galego é unha lingua que pode dialogar en igualdade coas grandes literaturas do mundo.
Pola súa banda, Pedro Puy resaltou que o fundamental de Rosalía é a súa capacidade de unir aos galegos ao redor da beleza da súa palabra e dos seus poemas, tanto en galego como en castelán.
Neste sentido, incidiu na virtude da autora para conectar coa xente, algo que segue vixente: "Ninguén puido expresar mellor que Rosalía os sentimentos universais e atemporais que engarzan coas nosas raíces e co noso pobo", sinalou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.