Un cento de deportistas participan nun Campionato Galego de Campo a Través Adaptado "sen barreiras"

Pontevedra acolle unha competición na que participan deportistas procedentes de 12 clubs autonómicos (4 da Coruña e 8 de Pontevedra).

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/02/2022 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

O deporte sen barreiras, tomará o contorno do parque da Illa das Esculturas e a Xunqueira da Gándara coa celebración do XXVII Campionato Galego de Campo a Través Adaptado, organizado pola Federación Galega de Deporte Adaptado en colaboración coa Concellería de Deportes.

Imaxe do acto de presentación do XXVII Campionato Galego de Campo a Través Adaptado
Imaxe do acto de presentación do XXVII Campionato Galego de Campo a Través Adaptado | Fonte: Concello de Pontevedra

Un centenar de deportistas federados encadrados en clubs da Federación participarán hoxe neste evento entre as 11:00 e as 13:00 horas, nas categorías masculina e feminina de competición, adaptada e cubrindo distancias de 500, 600, 1.000, 1.500, 2.100 e 3.200 metros.

Os competidores distribuiranse por categorías do seguinte xeito: 5 en competición +15 (maiores de 15 anos) e 2 en competición con parálise cerebral, que percorrerán 3.200 metros; 3 en competición +15F e 25 en adaptado +15M, que deberán completar 2.100 metros.

8 participantes en adaptado +15F, cunha distancia de 1.500 metros; 38 en xogo +15M e 20 en xogo +15F, cun percorrido de 600 metros, e un en xogo -15M, que afrontará un itinerario de 500 metros. O circuíto estará axeitadamente sinalizado e contará con voluntariado identificado para colaborar, así como ambulancia e servizo médico.

O Campionato de Campo a Través foi presentado esta mañá no Concello de Pontevedra nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e a secretaria da Federación Galega de Deporte Adaptado, Susana García Senra.

O edil do PSOE asegurou que, de entre as numerosas actividades e eventos deportivos impulsados polo seu departamento, "poucas veces asisto a unha rolda de prensa tan emocionado como á de hoxe, porque seren capaces de colaborar para que tódalas persoas poidan facer deporte e participar nun campionato, é un motivo de orgullo e satisfacción".

Os participantes proceden de toda Galicia, pero esencialmente da provincia de Pontevedra, representando a 12 clubs autonómicos (4 da Coruña e 8 de Pontevedra). Segundo indicou García Senra, "os deportistas serán recibidos ás 10:00 horas, realizando un percorrido para coñecer o circuíto de cada categoría, e as carreiras dará comezo ás 11:00 horas", estando prevista a entrega de premios para as 13:00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta