Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2022 | Actualizada ás 17:39
Distintos actos conmemorativos, lecturas, ofrendas florais e 'alboradas' homenaxearon este mércores por toda Galicia a figura de Rosalía de Castro, a autora que, en palabras do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, "activou os resortes que sustentan o noso amor propio, o orgullo de ser galegos".
Así o dixo o presidente da Cámara durante o acto oficial de homenaxe a Rosalía que acolleu o Parlamento, no que tamén participou a Fundación Rosalía de Castro e a Xunta, así como alumnado do CEIP Rosalía de Castro de Padrón, que leu poemas da autora.
Na súa intervención, Santalices explicou que a Galicia das últimas décadas "é protagonista dun 'rexurdimento' intenso, que se manifesta en todos os ámbitos" e que non sería posible "sen a semente principiada por Rosalía de Castro" que, coa súa obra e o seu exemplo, "activou os resortes que sustentan o noso amor propio, o orgullo de ser galegos, a conciencia de ser donos do noso futuro, saber que temos unha lingua propia, cariñosa e nobre". "Somos herdeiros de Rosalía e estamos en débeda con ela", sentenciou.
Ademais deste acto, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou xunto a outras personalidades na lectura de poemas ante a estatua de Rosalía en Padrón, así como nunha alborada e ofrenda na Praza de Vigo de Santiago, preto de onde naceu a autora. Finalmente, xunto con outras autoridades, participou na capela do Hostal dos Reis Católicos de Santiago, onde se bautizou Rosalía, nunha lectura pública dos seus textos con motivo deste 23 de febreiro, no que, por primeira vez, se celebra o Día de Rosalía tras descubrir novos datos sobre a súa data de nacemento real.
CARBALLO DE CONXO
Previamente, en Santiago, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e a conselleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participaron nun acto conmemorativo no Bosque do Banquete de Conxo, concretamente á beira do Carballo de Conxo, que opta a Árbore Europea do Ano. No acto participou a cantante Uxía, o poeta Xiana Arias e as crianzas do CEIP Quiroga Palacios.
Ademais, durante toda a mañá, regalouse un libro e unha rosa a todas as persoas que pasaron pola Praza do Toural e as asociacións veciñais e comerciantes levaron adiante distintas iniciativas.
En Lugo, do mesmo xeito que noutras cidades, realizouse unha ofrenda floral en memoria da autora no seu 185 aniversario, así como unha lectura pública dos seus poemas, mentres que desde o Campus da USC da cidade das murallas se difunden unha serie de contidos multimedia que poñen en relación algúns dos versos máis coñecidos dos poemas en galego de Rosalía cos sete 'kits de experimentación científica' para aulas de secundaria deseñados por integrantes de XuvenCiencia.
Entre as celebracións máis tradicionais, a Fundación Rosalía de Castro organizou, un ano máis, o 'Caldo de gloria' da autora, ao que se uniron máis de 200 locais de Galicia, así como comedores escolares. Na casa-museo de Rosalía, o encargado de preparalo é o cociñeiro Xoaquin Ameixeiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.