Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/02/2022 | Actualizada ás 18:17
O Padroado do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) celebrado este xoves aprobou o nomeamento como novo director xerente desta entidade de Lois Orosa Nogueira, que substitúe no cargo a Mauro Fernández Dabouza.
Nado en Santiago de Compostela en 1982, Lois Orosa é enxeñeiro en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo. Doutor en Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores, conta cunha ampla experiencia investigadora internacional de primeiro nivel, tanto no ámbito da industria como no académico.
Así, realizou proxectos en empresas como IBM R&D (Israel), Xilinx (Irlanda) e Recore Systems (Países Baixos), así como na Universidade de Illinois en Urbana-Champaign (Estados Unidos), a Universidade Nova de Lisboa (Portugal), a Universidade de Campinas (Brasil) e a ETH Zúric (Suíza). Nesta última exercía ata a data como investigador sénior, realizando tanto proxectos de investigación na área de arquitectura de computadores como tarefas docentes.
Segundo informou a Xunta, o Centro de Supercomputación de Galicia xogará un papel clave no desenvolvemento do Polo de Tecnoloxías Cuánticas que busca consolidar Galicia como referente para o desenvolvemento e validación deste tipo de tecnoloxías, con vocación de ofrecer un impacto positivo en diferentes sectores produtivos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.