Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/02/2022 | Actualizada ás 18:30
O Centro Dramático Galego (CDG) puxo en marcha no Salón Teatro de Santiago un sistema pioneiro de teatro inclusivo que permite dispor en todas as funcións de interpretación en lingua de signos, subtítulos e audiodescripción. Trátase dunha aplicación específica que funciona co programa de son Qlab e permite ir axustando en directo estes servizos, ata agora só dispoñibles en sesións puntuais.
Deste xeito, as persoas con discapacidade audiovisual ou auditiva poden asistir a calquera representación no Salón Teatro e terán á súa disposición audiodescripción a través de receptores individuais proporcionados polo Centro Dramático Galego, interpretación en lingua de signos proxectada sobre as columnas situadas a ambos os dous lados do escenario e subtítulos que poden descargar nos seus dispositivos móbiles. O espazo de exhibición escénica da Xunta sitúase así á vangarda da inclusión, converténdose no único que ofrece sesións 100% adaptadas.
O sistema foi deseñado polo técnico do Centro Dramático Galego Guillerme Vázquez, recoñecido co galardón ao proxecto coa temática máis innovadora do III Premios empregados públicos innovadores da Axencia Galega de Innovación. Con el, buscouse superar as dificultades derivadas do carácter único e efémero das representacións teatrais para a sincronización entre materiais gravados e o directo escénico.
A medida está xa en funcionamento nas representacións de 'A Peste', a montaxe inspirada na obra de Albert Camus que está en cartel no Salón Teatro ata o 13 de marzo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.