Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2022 | Actualizada ás 12:12
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, viaxa o vindeiro martes, 1 de marzo, ata Vitoria para manter un encontro co lehendakari Íñigo Urkullu, nunha reunión que servirá para abordar asuntos como o concerto vasco ou o modelo 'Ikerbasque', que "converte a Euskadi nun referente en I+D+i".
Trátase da primeira reunión institucional entre ambos e terá lugar na sede do Goberno vasco. Sobre a mesa, estarán asuntos como o papel das forzas nacionalistas no contexto do Estado, o concerto económico como modelo nun momento no que se debate o financiamento autonómico e o papel da administración pública para impulsar a ciencia e o coñecemento, no que Euskadi "é un referente".
Así mesmo, segundo informaron fontes da formación nacionalista galega, a portavoz nacional do Bloque tamén aproveitará para "intercambiar valoracións" co presidente vasco sobre a situación política actual.
Non en balde, a crise interna aberta no Partido Popular abre tamén un panorama de cambio en Galicia e precisamente, o vindeiro martes reúne á súa xunta directiva para convocar o congreso extraordinario que podería levar ao mandatario galego Alberto Núñez Feijóo a Génova e, posteriormente, a propiciar unha substitución na Xunta.
Esta reunión, a primeira co lehendakari, prodúcese tamén nun contexto no que o BNG afirma estar, en palabras da propia Ana Pontón, "en disposición de disputarlle a hexemonía ao PP" en Galicia e co firme propósito da dirixente nacionalista galega de "ensanchar" as bases do Bloque, como así proclamou na pasada XVII asemblea da formación celebrada en novembro de 2021.
AXENDA
A axenda que a líder nacionalista manterá en Euskadi tamén inclúe un encontro cos máximos responsables da asociación Ad Concordiam, que promove o coñecemento e a difusión do sistema vasco de financiamento, encontro no que participará o presidente e deputado de Facenda e Finanzas da Deputación Foral de Biscaia, José María Iruarrizaga, e o deputado xeral de Biscaia, Unai Rementería. Na delegación do BNG estará a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, e Rubén Cela, da área de relacións exteriores da Executiva Nacional do BNG.
Na xornada do mércores 2 de marzo, a portavoz nacional manterá unha reunión co equipo da dirección do Ikerbasque, organismo que xestiona os centros de ciencia e investigación de Euskadi para coñecer de primeira man o seu funcionamento. Unha das propostas do BNG, que xa defendida xa publicamente en distintas ocasións en materia de I+D+i, é a creación do Innogal. O encontro será co responsable da xestión, Iñigo Atxutegi; e co director científico, Fernando Cossio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.