Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2022 | Actualizada ás 21:14
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou a necesidade de atender aos coidadores que teñen ao seu cargo a persoas maiores dependentes ou con discapacidade.
Así se expresou durante unha visita á residencia pontevedresa Soremay, onde destacou a importancia de programas como Respiro Familiar, a través do cal a Xunta de Galicia financia todos os anos o 100% da estancia en calquera centro residencial da Comunidade "sen límite de tempo e ata un máximo de 1.500 euros"; ou mediante a achega dun máximo de 1.000 euros para abonar o custo dun coidador no fogar.
Fabiola García lembrou ademais que o Goberno galego xa abriu o prazo para solicitar unha axuda da orde de Respiro familiar, que se poderá solicitar ata o 30 de setembro e que permite que persoas dependentes ou con discapacidade realicen estancias temporais en residencias que facilitan o descanso dos seus coidadores habituais.
A este respecto sinalou que o Executivo galego investirá 600.000 euros nesta nova convocatoria, na que se poderán xustificar estancias temporais desde o 1 de decembro de 2021 ata o 30 de novembro deste ano, "a condición de que se conte co correspondente informe do traballador social que acredite as circunstancias de cada caso".
Nun comunicado, a Consellería remarca que o obxectivo principal é "facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos coidadores". Poderase acceder á axuda sempre que a persoa ou persoas que atende sexan residentes na Comunidade.
Ademais, a persoa á que atende deberá ser recoñecido cun grao II ou III de dependencia, ou ben acreditar mediante informe médico e social a necesidade de axuda de terceiros para actividades da vida diaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.