Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2022 | Actualizada ás 16:44
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou que o Executivo central confía en ter no primeiro semestre deste ano posibles localizacións alternativas para recolocar a fábrica de ENCE de Pontevedra. No transcurso dun acto no municipio de Poio, José Miñones avanzou aos xornalistas que este mes de marzo se asinará o primeiro contrato para a elaboración dun estudo para abordar un hipotético traslado da pasteira a outra localización.
Inicialmente o Goberno previra encargar a redacción do informe á Universidade de Vigo, pero agora sopesa que sexa a empresa pública Tragsa para poder realizar esta contratación "de forma máis directa e rápida". "Esperamos que neste mes de marzo teñamos unha resolución de contrato para poder facer ese traballo e dentro do semestre ter esas alternativas encima da mesa", dixo Miñones.
RECURSO DE ENCE
O representante gobernamental tamén se referiu á decisión do Tribunal Supremo de admitir a trámite os recursos presentados por Ence contra a sentenza que anulou a prórroga á fábrica de Lourizán. "Un proceso esperado, quero dicir, que é lóxico e coherente dentro da legalidade", dixo Miñones. "Busquemos novas alternativas, por se esa sentenza é definitiva e por tanto estes recursos non van adiante, para que Ence quede, a poder ser na provincia de Pontevedra e senón en Galicia", sentenciou Miñones.
CONCELLO DE PONTEVEDRA
Pola súa banda, o goberno do Concello de Pontevedra, a través da concelleira nacionalista Carme Da Silva, trasladou que a admisión do recurso era esperada polo executivo local que encabeza Miguel Anxo Fernández Lores. "Non esperabamos outra cousa. En ningún momento se manexou outra posibilidade", engadiu Da Silva nunha rolda de prensa na que a concelleira apuntou que os servizos xurídicos municipais "levan tempo" traballando nos argumentos legais que presentarán contra eses recursos.
O goberno entende que é "normal" que o Supremo queira sentar xurisprudencia nunha cuestión "tan sensible" como é a ocupación dos terreos de dominio público marítimo terrestre por parte de actividades que "poden desenvolverse noutro sitio". Por tanto, Da Silva incidiu en que "non preocupa" que o Supremo vaia deliberar sobre estas cuestións, aínda que espera que na súa futura decisión "só pesen os elementos xudiciais" e que non se produzan "valoracións políticas" que inflúan nun asunto "de tanta envergadura".
A este respecto, a edil do BNG lembrou que Ence leva "moito tempo" recorrendo á "chantaxe" co único obxectivo de manterse na súa actual localización "a pesar de que era coñecedora de que a fábrica tiña data de caducidade".
Paralelamente, o tenente de alcalde, o socialista Tino Fernández, coincidiu nesta valoración cos seus socios de goberno e engadiu que o PSOE pontevedrés segue considerando que a sentenza da Audiencia Nacional está "absolutamente motivada" e que o Supremo confirmará este fallo. "Pedimos que esta situación acabe canto antes", sinalou Fernández, que confía en que todas as partes implicadas, máis aló dos recursos xudiciais, "se poñan a traballar no realmente importante" que para el é o mantemento dos postos de traballo.
PP VE UNHA "VÍA DE ESPERANZA"
Por último, o portavoz municipal do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, mostrou a súa "satisfacción" pola admisión a trámite do recurso de casación presentado por Ence. "É un paso importante pero non definitivo", dixo Rafa Domínguez, que entende que esta noticia "abre unha porta de esperanza" para os traballadores da factoría pasteira de Lourizán. "Desde logo a partir de agora ninguén pode dicir que a fábrica está aí ilegal", sostén Domínguez, que apela a que esta resolución do Supremo "dá viabilidade" a que a súa localización sexa legal "porque hai un recurso que está vixente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.