Os veciños solidarios de Castroverde xa están na fronteira con Ucraína: "aquí prima a desesperación"

Fixeron unha viaxe de miles de quilómetros para poder traer refuxiados ucraínos até o Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2022 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

Os dous veciños do Concello de Castroverde que marcharon a Polonia a buscar refuxiados ucraínos xa se atopan na fronteira, onde se comprometeron con seis membros dunha mesma familia a traelos a España. Héctor Pérez explicou que chegaron xa a "Melica, na fronteira de Polonia con Ucraína", logo de emprender a viaxe o pasado luns. Sobre a situación alí, o empresario lucense acreditou que ven "moitos refuxiados", xa que "é un punto ao que chegan en autocares".

Con dous coches, os dous veciños de Lugo contan con oito prazas para a volta a España, e xa completaron seis, porque contactaron con eles "seis membros dunha mesma familia". "Temos seis que van para Madrid. Chamoume unha muller onte á noite que vive en Madrid, que a familia quedou tirada co coche. Van seis persoas, é un coche moi vello", describe. Héctor Pérez relatou que lle pediron que "se lles facía o favor de achegalos a España". "E xa lles dixemos que se e que sen ningún tipo de problema", apuntou. A idea da viaxe xurdiulles "vendo as noticias", subliña o veciño de Castroverde. "Estabamos a ver iso e sentiamos que tiñamos que facer algo respecto diso e collemos o coche", apunta.

"DESESPERACIÓN"

Sobre a situación na zona, Héctor Perez explicou que "agora mesma prima a desesperación" sobre a "tristura". "A xente está con ganas de facelo o máis rápido posible. Agora mesmo ninguén está a pensar no que deixou. Probablemente o pensen cando estean establecidos, pero agora mesmo queren porse a salvo das bombas", sentenciou.

Unha vez que contacten con esa familia, teñen previsto a viaxe de volta a España. Héctor Pérez confía que ao mediodía de hoxe xa o teñan todo preparado para o regreso e deixar a este seis persoas en Madrid. Por diante quédanlles trinta horas de viaxe.

Héctor Pérez e Paulo Ribeiro camiño de Polonia para ofrecer a refuxiados viaxar a España. CEDIDA HÉCTOR PÉREZ
Héctor Pérez e Paulo Ribeiro camiño de Polonia para ofrecer a refuxiados viaxar a España. CEDIDA HÉCTOR PÉREZ

"SITUACIÓN CORRECTA"

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este xoves que catro galegos se atopan actualmente en Ucraína "en situación correcta". O titular autonómico ofreceu esta información na rolda de prensa posterior á celebración do Consello de Goberno que, nesta ocasión, tivo lugar en Ourense.

Feijóo non deu máis datos, pero lembrou que a Xunta de Galicia xa puxo a disposición do Goberno central os seus recursos "tanto para acoller aos refuxiados como para a súa atención sanitaria". E é que este mércores a Consellería de Política Social remitía por carta ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 a súa "total dispoñibilidade" para acoller a menores que procedan de Ucraína.

O departamento autonómico ofreceuse a "achegar todos os recursos á súa disposición", aínda que lembrou que a Xunta non posúe competencias para tramitar, de ser o caso, a chegada a Galicia de nenos e adolescentes do sistema de protección de Ucraína que, "dada a situación de emerxencia que vive o país, sexa necesario trasladar a España".

Así, engaden, "no caso de que estea prevista algunha actuación específica sobre os nenos", Galicia trasladou o seu ofrecemento para colaborar nesa posible actuación, aínda que matizan que nestes momentos "descoñecen" se o Executivo ten previsto realizar algunha intervención deste tipo.

A este respecto, indican que a Comunidade trasladará ao Goberno unha lista de recursos dos que dispón para acoller a refuxiados do conflito. Lembran que a Xunta xa habilitou 432 camas no sete áreas sanitarias e piden que se abra "un mecanismo permanente de coordinación para o envío de axuda humanitaria", dado que consideran que este tipo de accións debe ser coordinada desde o Executivo central.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta