Por X.M. Fernández | Verín | 05/03/2022 | Actualizada ás 11:00
Os caravanistas que chegaron a Verín formaban parte dunha expedición organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas para facer un 'Roteiro Enolóxico' durante sete días polo sur de Galicia. Un percorrido de 350 quilómetros co obxectivo de facer visitas e degustacións de viño en 6 adegas de catro denominacións de orixe galegas, concretamente Ribeira Sacra, Monterrei, Ribeiro e Albariño Rías Baixas das subzonas Condado do Tea e Val do Salnés.
Acompañados do seu vicepresidente, Xosé Anxo Cid, foron recibidos nas instalacións municipais polo tenente de alcalde do Concello de Verín, Diego Lourenzo, quen os acompañou na visita ao Museo e aproveitou tamén para anunciarlles que a vila do Támega contará unha nova área municipal de autocaravanas antes de que finalice este ano 2022.
Segundo confirmou Lourenzo esta nova zona municipal destinada ao autocaravanismo estará emprazada na Preguiza, contorna privilexiada moi próxima á Alameda de Verín e situada nunha gran zona verde municipal que comunica o río Támega coa próxima estrada de Vences.
Partindo das novas tendencias que indican que o turismo de autocaravana atópase actualmente en plena expansión, e pode ser un beneficio directo para a economía local, Diego Lourenzo xustificaba así que "desde o grupo de goberno apostamos pola creación desta nova área que dará cabida a medio centenar de vehículos e que dispoñerá de todos os servizos necesarios para o uso e goce dos usuarios desta modalidade turística."
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.