Convocan unha protesta contra a falta de pediatras e matronas na Costa da Morte

Será o próximo domingo, 13 de marzo, e reivindicará a fin da "precariedade dos servizos de pediatría e matronas que se agrava cada día".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2022 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

A Costa da Morte é un dos territorios con "maior déficit" de persoal de pediatría e matronas na Atención Primaria. Por iso, dende a asociación 'Pediatras e Matronas Xa' veñen de convocar unha concentración o próximo domingo, 13 de marzo, diante do centro de saúde de Cee, para denunciar que "moitos centros de saúde non ofrecen estes servizos", polo que obrigan os pacientes a "peregrinar" ata outros centros ou hospitais "na procura de atención médica". 

"A precariedade dos servizos de pediatría e maternidade son unha realidade que se agrava cada día", expoñen no manifesto. Segundo explican, son varios os centros que non teñen profesionais de atención á infancia, como é o caso de Muxía e Dumbría. "Na maioría dos centros, as crianzas son atendidas por médicos de familia, con ou sen formación en puericultura, e non por pediatras. De igual maneira, é habitual que a atención de enfermería sexa de profesionais non especializados en poboación infanto-xuvenil", critican. Cousa semellante acontece cos servizos de matronería, de modo que as usuarias se ven obrigadas, din, a solicitar atención no centro de Muros, que para algunhas se atopa a 25 km de distancia.

Outra práctica "estendida" é a redución dos horarios de atención, denuncian. "Que os profesionais sexan itinerantes e compartan varios centros dificulta enormemente calquera seguimento e implica que a persoa usuaria se teña que desprazar seguindo o circuíto do seu facultativo referente", explica a asociación. Así mesmo, indican que as baixas e períodos de vacacións "non se cubren" con novos facultativos, senon que "pechan algúns servizos para atender outros". 

Todo isto provoca, segundo recollen no manifesto, unha "desatención e abandono sanitario", "incumprimento de revisións e vacinacións das criaturas", "falta de referentes estables", "prácticas médicas dubidosas", "sobrecarga dos profesionais", "inexistencia de programas de prevención ou talleres de formación e acompañamento" (embarazo, postparto, educación sexual e reproductiva... ) e "saturación" do servizo de urxencia do hospital comarcal.

Ante esta situación, que advirten que se "estende por toda Galicia", solicitaron unha reunión coa Consellería de Sanidade que "polo momento non foi atendida". "Instamos ás administracións competentes a que cambien de forma urxente este modelo asistencial de máxima precariedade na Atención Primaria e mostramos toda a nosa vontade para participar nunha reunión enfocada a acoller e dar resposta a todas estas demandas", sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta