Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 08/03/2022 | Actualizada ás 11:27
O edil de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade do Concello da Coruña, Juan Díaz Villoslada, presentou a súa renuncia como membro da corporación municipal da cidade da Coruña. Nos últimos tempos houbera un importante distanciamento de Villoslada do núcleo duro do Executivo coruñés, entre eles, a propia rexedora e José Manuel Lage. De feito, segundo fontes consultadas por GC, o xa ex edil marcha por "por discrepancias coa dirección do equipo de goberno" e os choques xerados no seu departamento.
Segundo informou o Consistorio, a alcaldesa Inés Rey, que asumirá temporalmente as súas funcións, agradécelle o traballo desenvolvido durante este mandato á fronte destas áreas de goberno e deséxalle sorte na etapa que empeza fóra da política activa. A renuncia de Díaz Villoslada como membro da corporación farase efectiva no pleno ordinario do próximo xoves, día 10 de marzo. Será substituído, con toda probabilidade, por Fran Díaz Gallego, actual asesor da área de urbanismo e integrante do novo comité local.
FÓRA DA NOVA EXECUTIVA
Villoslada, que ocupou o número 4 na candidatura encabezada por Inés Rey nas municipais de 2019, non figura entre os integrantes da nova executiva do PSOE local, que desde este fin de semana lidera a propia rexedora tras imporse en primarias á ata agora secretaria local, Eva Martínez Acón. Juan Díaz Villoslada, que foi deputado no Parlamento de Galicia entre os anos 2015 e 2019, competiu contra o exsecretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en primarias en 2017 por facerse coas rendas do partido en Galicia.
INÉS REY, O GOBERNO CORUÑÉS É SÓLIDO
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asegurou que o seu goberno é "sólido e estable" tras a dimisión do ata agora edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, ao que agradeceu "infinitamente" o seu traballo.
Nun acto celebrado este martes e preguntada pola decisión de Villosalda, Inés Rey rexeitou "entrar a valorar" os motivos polos que o edil decidiu renunciar ao cargo e limitouse a agradecer "infinitamente" o traballo realizado durante este tres anos, con "políticas transformadoras" na cidade.
Ademais, Rey destacou que o goberno local é "sólido e estable" e que esta realizando un "cambio profundo" na cidade, "máis aló das persoas que poidan estar nun momento determinado ou noutro". A rexedora asegurou que o executivo vai seguir traballando con "a mesma ilusión, coas mesmas ganas e coa mesma unión" coa que o fixeron sempre.
"EVIDENTES E LEGAIS"
Inés Rei engadiu que por cuestións "evidentes e legais" vai asumir na súa persoa todas as competencias a nivel urbanístico, infraestrutura, mobilidad e vivenda e "cando toque", unha vez que se determine quen vai levar cada área, asumiranse esas funcións. "Tranquilos que haberá concelleiro e a actividade da cidade non se vai a paralizar", sentenciou a alcaldesa.
Villoslada, que ocupou o número 4 na candidatura encabezada por Inés Rey nas municipais de 2019, non figura entre os integrantes da nova executiva do PSOE local, que desde este fin de semana lidera a propia rexedora tras imporse en primarias á ata agora secretaria local, Eva Martínez Acón.
REACCIÓNS PP
A portavoz do Grupo Popular, Rosa Galego, asegurou que a marcha de Villoslada confirma a "descomposición" e a "guerra aberta" no goberno municipal, así como "a debilidade e perda de rumbo" da alcadesa Inés Rey. Nun comunicado remitido aos medios, a popular sostén que "hai pouco máis dun ano" se viviu a "primeira crise" de goberno, que acabou co "acoso e derriba" da edil e entón secretaria local socialista, Eva Martínez Acón, e a súa substitución por unha concelleira non adscrita procedente de Cidadáns.
"E agora coa marcha do único concelleiro con experiencia en xestión, que ademais se encargaba das áreas de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade", sinala Rosa Galego, que asegura que "Villoslada márchase farto dos continuos intentos de inxerencias na toma de decisións da súa área por parte do grupo reducido que manexa os fíos do goberno municipal".
MAREA ATLÁNTICA
O grupo Marea Atlántica mostrou a súa "preocupación" pola "crise" que abre no goberno de Inés ReY a dimisión de Villoslada.
Marea Atlántica asegurou que "unha vez máis", facendo referencia ás "discrepancias" con Eva Martínez Acón, a cidade "paga" os problemas internos do PSOE local. "Unha frivolidade que xa ocorreu demasiadas veces", sinalan.
A substitución e os seus trámites suporán "como pouco" demoras no traballo dunha área "moi sensible" nun momento de crise, pandemia e tras un ano sen investimentos por mor da prórroga orzamentaria, reza o comunicado, que engade que é "o último" que necesita A Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.