Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2022 | Actualizada ás 13:23
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este martes que, ante a gran demanda cidadá para coñecer as instalacións, o Concello da cidade organizará visitas guiadas ao convento de Santa Clara todos os fins de semana de abril e durante todos os días de Semana Santa.
A día de hoxe unhas 10.000 persoas xa visitaron este espazo que pertence ao patrimonio municipal despois de que fora adquirido á Congregación relixiosa das Clarisas. "Isto implica que acertamos na compra, ben recibida pola cidadanía", sinalou o mandatario pontevedrés. Segundo comentou o rexedor, habilitará unha inscrición presencial para aquelas persoas de máis de 65 anos que teñan dificultades coas ferramentas informáticas.
O Concello destinará o fin de semana do 7 e 8 de abril para que poidan realizar a visita. Antes, na xornada do xoves 31 de marzo, entre as 10,00 e as 14,00 horas, deberán inscribirse no edificio municipal situado na Rúa Churruchaos, detrás do antigo edificio da Casa Consistorial. Ademais, estableceranse durante eses dous días de visita, catro sesións diarias de 20 persoas cada unha. No caso de que exista unha demanda maior por parte deste sector de poboación, o goberno local indicou que estudaría novas datas.
MES DE MAIO
Fernández Lores avanzou que a intención é que tamén se prolonguen estas visitas durante o mes de maio, aínda que as datas están condicionadas polo inicio das obras de estudo que a Deputación de Pontevedra contratou para analizar as posibilidades de que estes inmobles se convertan en espazo para albergar os fondos arqueolóxicos do Museo de Pontevedra.
Ao longo do mes de maio, con data aínda por determinar á espera de predicións meteorolóxicas, tamén se desenvolverá outra xornada de portas abertas unicamente para visitar os xardíns do recinto, o claustro e o bosque. O Concello de Pontevedra tamén traballa no contido de programación cultural destinado a estas instalacións nos próximos meses coa posibilidade de albergar espectáculos de danza ou de música, segundo explicou o alcalde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.