O empresariado pide "solucións urxentes" ante o "gravísimo impacto" da guerra

A subida "sen precedentes" dos prezos dos carburantes, a enerxía e materias primas "pon en xaque" sectores estratéxicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2022 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) demanda "solucións urxentes" para protexer as empresas coruñesas do "gravísimo impacto" da guerra de Ucraína. A CEC coruñesa informou este mércores a través dun comunicado que trasladará a Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) e Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa (CEPYME), así como ao Goberno galego e os partidos políticos, a situación actual das firmas da Coruña e a demanda de medidas inmediatas para evitar "a desaparición de moitas empresas que ven imposible a súa supervivencia" neste contexto.

A subida "sen precedentes" dos prezos dos carburantes, a enerxía e as materias primas "poñen en xaque" a sectores estratéxicos do tecido empresarial da provincia, como o siderúrxico, a construción, o transporte, o sector pesqueiro ou o agroalimentario. Na reunión ordinaria conxunta da Xunta Directiva e o Consello de Presidentes da CEC celebrada este martes, foi "unánime o clamor" e a "crecente" preocupación do tecido empresarial ante a gravísima situación actual tras producirse a invasión rusa de Ucraína cando os efectos económicos da pandemia non acabaron e "persisten" nas empresas, segundo alertou o presidente da confederación, Antonio Fontenla.

"PON EN RISCO A SUPERVIVENCIA"

Representantes das diferentes asociacións sectoriais integradas na CEC manifestaron durante a reunión a preocupación pola subida "sen precedentes" do prezo da enerxía e dos carburantes, e outras materias primas, así como o seu desabastecemento, indicando que "pon en risco a supervivencia" das empresas, á marxe do "grave" problema ocasionado co atraso da chegada de compoñentes "necesarios" para a "boa marcha produtiva" das firmas.

Segundo o comunicado, "a maioría" dos sectores manifestaron a "necesidade de esixir" ás autoridades gubernativas a toma de decisións "urxentes" que impidan que a enerxía se estea utilizando como "arma de guerra". As empresas pediron tamén que se lance unha mensaxe "contundente" ante esta situación "excepcional".

Desde a CEC aseguraron que se atopan "en risco" a produción de ferro, níquel, vidro, ladrillo e o resto de materiais producidos en industria con alta demanda de electricidade, coa consecuente "posible paralización" de obra. O resto de sectores, con "especial impacto" nas conservas, a gandaría ou o sector agroalimentario, están "moi afectados" pola falta de produtos importados de Ucraína, como os cereais ou o aceite de xirasol.

Transporte. EUROPA PRESS - Arquivo
Transporte. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta