Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2022 | Actualizada ás 11:38
A iniciativa 'Os xardíns que falan' volve ás zonas verdes urbanas de Pontevedra con ambientacións dedicadas ao Día Internacional da Muller, 8 de marzo, e o Día da Clase Obreira Galega, 10 de marzo.
Impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, esta iniciativa vén de renovar as flores e plantas da intervención 'katiuskas violetas', que se instalara na Praza de España durante o pasado 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Tal e como explica o concelleiro, Iván Puentes, "o que fixemos foi actualizala, cambiando a planta, pero mantendo o mesmo deseño, motivo e composición".
No caso dos Xardíns de Castro San Pedro (Praza de Ourense), realizouse unha intervención con dúas bágoas de flores vermellas, diversos elementos que evocan a clase traballadora e unha bandeira de Galicia coa que se busca conmemorar o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega.
"A nosa intención" -sinala Puentes- "é lembrar o acontecemento que deu orixe á declaración deste día, cando a policía franquista disparou contra unha protesta nos estaleiros ferroláns de Bazán, asasinou os sindicalistas Amador Rey e Daniel Niebla e feriu medio centenar de manifestantes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.