Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2022 | Actualizada ás 13:21
O xuízo pola talla masiva de árbores en San Pedro de Rocas, no municipio ourensán de Esgos, que tería que celebrarse na mañá deste xoves entre a Fundación Moreiras-San Pedro de Rocas e a Deputación Provincial foi suspendido por causas procesais. A Fundación Moreiras-San Pedro de Rocas explicou que fixo entrega dun novo informe técnico a principios de semana, un documento que foi trasladado ás partes o pasado luns.
"Eles teñen 5 días para contestar e facer proposición de probas respecto do mostrado nese documento", explica a fundación, que detalla que, "como aínda non pasaron os cinco días", "suspenderon o xuízo alegando que se podería causar indefensión". O avogado da entidade sostén que se trata de evitar que a resolución que poña fin ao procedemento "estea viciada de nulidade" e explica que aínda non hai nova data para a celebración do xuízo. "Dixéronnos que canto antes poidan meterano pero dependemos da axenda xudicial e non me aventuro a dicir que será antes de agosto", dixo.
Así pois, polo momento, segue a talla porque non hai ningunha resolución xudicial que suspenda tal exercicio. Desde a Fundación profundan e aseguran que os traballos están a avanzar ao longo do día de hoxe "a tal velocidade que en 24 horas pretenden ter todo cortado polo pé". "Nocturnidade e aleivosía, así é como están a facer as cousas", denuncia a entidade, que sostén que "isto é unha vulneración dos dereitos e unha vulneración da xustiza".
"A administración ten unha boca ancha para todo o que quere. Temos unha sensación de inxustiza incrible porque neste mesmo momento seguen as motoserras funcionando", lamentou o presidente da Fundación, Juan Carlos Moreiras. Ademais, asegurou "non entender" como "non se esclarece primeiro a xustiza" para tomar unha decisión. "Coas cuestións procesuais de aquí e de alí foise prolongando unha decisión que debería estar tomada xa". Considera o presidente da Fundación que "están desamparados" e os danos que "se produciron, que se van producir e se están producindo son irreparables".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.