Ibiza, primeiro destino da xira promocional da DO Valdeorras

Os viños de Valdeorras déronse a coñecer este pasado 9 de marzo na illa de Ibiza no marco dun acto promocional impulsado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe en colaboración con Vidivinos. Os vindeiros destinos para presentar os caldos serán A Coruña, Madrid e Barcelona.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 11/03/2022 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

“Con esta acción promocional, pretendemos divulgar o potencial dos nosos viños en novos territorios do Estado que consideramos prioritarios en termos de mercado”, sinala ao respecto desta acción promocional o presidente do C.R.D.O. Valdeorras, José Luis García Pando.

A DO Valdeorras en Ibiza. Foto: Prensa CRDO Valdeorras
A DO Valdeorras en Ibiza. Foto: Prensa CRDO Valdeorras

Ademais da visita comercial a Ibiza, as cidades da Coruña, Madrid e Barcelona acollerán nas vindeiras semanas diferentes actividades divulgativas dos viños do territorio amparado valdeorrés. O vindeiro 19 de marzo hai xa programada unha cata na cidade da Coruña, concretamente no mercado de San Agustín. A cata será comentada polo director técnico da D.O. baixo o título Valdeorras, terra de viñedo.

Xa en abril, entre os días 4 e 6, os viños de Valdeorras viaxarán ata a Barcelona Wine Week e tamén se presentarán no Salón Gourmets de Madrid entre o 25 e o 28 deste mesmo mes.

DA MAN DE ACRUAGA

Paralelamente, baixo o paraugas da Asociación de Consellos Reguladores (ACRUAGA) está previsto que diferentes referencias de brancos e tintos da comarca se dean a coñecer na London Wine Fair, no mes de xuño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta