Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2022 | Actualizada ás 18:31
A plataforma 'Cornado Mina Non' vén de esixir a dimisión de Alfonso Sánchez Izquierdo como director xeral da CRTVG logo de que a canle pública "promocionara ao longo do día 10 de marzo en diversos espazos a pretendida restauración das augas da mina de Touro ao tempo que se silenciaron as protestas e reclamos veciñais das miles de familias afectadas
polo proxecto extractivo", denuncia a plataforma nun comunicado.
'Cornado Mina Non' explica que puxo en coñecemento do Comité Intercentros da CRTVG o acontecido, que entende como unha "utilización" que a mineira Cobre San Rafael, filial de Explotaciones Gallegas, e a multinacional chipriota Atalaya Mining, fixeron da televisión pública. "Para a veciñanza resulta completamente inaceptable o uso dun medio público para promocionar o interese privado dunha empresa, Atalaya Mining, coñecida a nivel estatal pola súa conflictividade no proxecto andaluz de Riotinto", expoñen.
De igual maneira, lembra a plataforma, Explotaciones Gallegas, como propietaria dos terreos da mina de Touro, recibiu nos últimos anos "máis de 80.000 euros en multas polas súas verteduras incontroladas" e diversas "irregularidades" cometidas en relación do dominio público hidráulico.
Neste contexto, 'Cornado Mina Non' entende que Cobre San Rafael, filial conxunta das dúas empresas promotoras, "pretende agora exercer de salvadora do medio ambiente máis contaminado de Galicia dando unha visión parcial na que silencia de maneira interesada a existencia de miles de toneladas de lodos tóxicos que están a envelenar a bacia fluvial do Ulla e finalmente derivan cara a ría de Arousa", denuncian.
Por iso, critican que a Televisión de Galicia está a ser "utilizada" como "gabinete de prensa paralelo da mineira", mentres se silencian as loitas veciñais. Neste sentido, explican que o único camiño ante a "descarada manipulación" é o cese inmediato de Alfonso Sánchez Izquierdo como director da Corporación da Radiotelevisión de Galicia. En concreto, "por permitir que o que é un ben público pase a transformarse nunha axencia privada de medios que se vende ao mellor postor", sentenzan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.