Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2022 | Actualizada ás 19:03
O Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela acollerá o próximo 21 de marzo os actos conmemorativos do Día Mundial da Síndrome de Down. Nesta ocasión, a xornada, organizada de forma conxunta pola Fundación Down Compostela e a Federación Down Galicia, busca o "agradecemento á sociedade pola súa implicación desinteresada na inclusión das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais", explican nun comunicado.
Nese día no que tamén se conmemorará o 25 aniversario da Fundación Down Compostela, entregaranse os IX Premios Down Compostela, nunha gala conducida por persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, que tamén lerán o Manifesto do Día Mundial da Síndrome de Down.
PREMIOS DOWN COMPOSTELA
A Fundación Down Compostela acordou recoñecer o traballo que realizan a doutora María José Fernández Seara, o artista Xurxo Martiño e a empresa Emetel, aos que se lles concederán os Premios Down Compostela 2022 pola súa "implicación na mellora da saúde das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades, por promover a expresión artística das persoas con trisomía 21 e por favorecer a súa inclusión laboral no campo das novas tecnoloxías", relatan as entidades.
ILUMINACIÓN DOS PRINCIPAIS MONUMENTOS DE GALICIA
Doutra banda, os principais monumentos das sete grandes cidades de Galicia conmemorarán este luns o Día Mundial da síndrome de Down. A Cidade da Cultura, a fonte de Catro Camiños, as catedrais de Santiago de Compostela e Lugo, a Ponte Romana de Ourense, o Teatro Jofre de Ferrol, a Deputación de Pontevedra ou o concello de Santiago de Compostela e Pontevedra, entre outros, serán iluminados de azul e amarelo na tarde-noite deste luns 21 de marzo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.