Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 19/03/2022 | Actualizada ás 14:00
As asociacións profesionais de pesca relacionadas coa captura do marraxo, protestaban hai menos dun ano pola falta de coordinación entre os ministerios de Agricultura e Pesca (MAPA) e de Transición Ecolóxica (MITERD), para axilizar as vendas deste escualo desde portos como Vigo. Non obstante, mentres o MAPA si autoriza a captura deste peixe segundo os criterios do CITES, o ministerio que dirixe Teresa Ribera (MITERD), non está a cumprir coa súa tarefa de elaborar os permisos necesarios para facilitar a saída aos mercados. Unha consecuencia é que mentres os barcos galegos están no medio desta disxuntiva, buques doutras nacionalidades como Portugal, si poden descargar e vender.
SAÍR DO PARADOXO
Segundo unha nota enviada pola Consellería do Mar o pasado 12 de marzo, actualmente non existe impedimento para realizar capturas en 2022. Tanto é así que o MAPA autoriza a pesca do marraxo. Pola contra, o MITERD non establece cotas de comercialización para permitir a chegada ao mercado. “Unha situación semellante xa provocou tanto ao ano pasado como en 2020 o bloqueo das capturas de marraxo e incluso que o sector tivese que destruílas ao non poder comercializalas”.
Se isto pode parecer un paradoxo, agora mesmo a situación está nun punto morto. A directora xerente da Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU), Juana Parada, declara que “este ano o Ministerio de Pesca decidiu non permitir a pesca de marraxo en ningunha parte do mundo até que o MITECO non comunique as cantidades que se poderán comercializar”. Esta é a orixe de que agora mesmo “a frota española non pode pescar nin vender, mentres outras frotas si poden e ademais, vendendo a especie no noso país”.
Sergio López, da OPP Puerto de Burela, apunta que “o problema é máis complexo, con cuestións variadas e distintas dos anos 2020, 2021 e 2022. Desde o 1 xaneiro aínda non está aberta a pesca para a flota española, e non podemos capturar ningunha peza, mentras o resto de países sí o está facendo, tanto dentro da UE como de fóra da UE”. E acaba remarcando a necesidade de que os ministerios “se coordinen dunha vez porque cada un está a botarlle a culpa ó outro, pero ningún soluciona nada”.
CAMBIOS ADMINISTRATIVOS
As demoras interministeriais incrementáronse cando as competencias administrativas de Comercio foron asumidas polo MITERD. Con anterioridade eran tres os ministerios, Pesca, Comercio e Transición Ecolóxica, tal como explica Sergio López. “Hoxe por hoxe a frota non sabe canto marraxo vai poder capturar en 2022 e tampouco desde que data” sinala Juana Parada. O estado das cousas chega ao punto de que cando os barcos pescan algún marraxo, a frota “ten que tirar o peixe ao mar despois de picar no anzó”.
Este extremo e corroborado por Sergio López, OPP Lugo. Preguntado se esta situación revertería de maneira negativa sobre a economía da frota, López aclara que “aínda que o marraxo non é a especie principal, senón que o son o peixe espada e a quenlla, non se pode separar esa pesca, polo que os nosos barcos están tirando os marraxos ó mar”.
Deixando á parte a falta de entendemento entre os órganos do Goberno central, a outra cuestión de interese está en se o marraxo é unha especie en perigo de extinción ou non. Estar dentro do catálogo CITES no apartado II indica un especial coidado con esta especie.
Desde a OPP Lugo son claros coa súa resposta: “non está en perigo de extinción, sio quedou demostrado tanto no grupo de expertos da FAO como da Secretaría Técnica de CITES”. Mencionan ademais a avaliación que se fixo sobre a especie en 2017 “como un despropósito porque non se tiveron en conta os datos da frota española, que é un 85% das capturas da UE e si tiveron en conta datos de lugares como Taiwan”. Isto fai que a OPP Lugo vexa a inclusión no CITES como “unha cuestión de política sen ter en conta o stock”.
Agora mesmo, se a frota galega dependese só do marraxo estaría amarrada por unha cuestión en principio, técnica, a falta de coordinación interministerial do goberno central. A Consellería do Mar indica que insistirá ante os dous ministerios para que solucionen a ausencia de intercomunicación entre eles.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.