Feijóo xa é o candidato preferido dos votantes do PP, con máis do dobre de apoios que Ayuso, segundo o CIS

O Centro de Investigacións Sociolóxicas volve situar o PSOE como o partido con maior intención de voto.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/03/2022 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, xa é o candidato preferido polos votantes do PP antes mesmo de tomar posesión da presidencia do partido. Segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) contaba en marzo cun apoio da 41,3% fronte ao 17,7% que se decantaba pola madrileña Isabel Díaz Ayuso.

O presidente da Xunta de Galicia e precandidato á presidencia do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, nun encontro de afiliados en Madrid, a 15 de marzo de 2022
O presidente da Xunta de Galicia e precandidato á presidencia do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, nun encontro de afiliados en Madrid, a 15 de marzo de 2022 | Fonte: Alberto Ortega - Europa Press.

O barómetro do mes de marzo, o primeiro que reflicte o enfrontamento entre a dirección do PP e a presidenta de Madrid, pon de manifesto que, entre os votantes do PP, o gran perdedor foi Pablo Casado.

Ao ser preguntados polo político que quererían ver á fronte do Goberno, un 41,3% de quen votaron o PP nas últimas xerais decántase xa por Feijóo, fronte a un 17,7% que menciona a Díaz Ayuso. E en cambio o aínda presidente do PP só conta co 1,5% dos votantes, mesmo por baixo do líder de Vox, Santiago Abascal, citado polo 3,8% dos electores do PP.

É máis, Casado nin sequera aproba entre os votantes 'populares', que lle puntúan cunha nota media de 4,64 puntos, cando o habitual é contar con polo menos o apoio dos do partido propio. Yolanda Díaz, por exemplo, recibe unha nota de 7,47 entre os electores de Unidas Podemos.

O cambio de opinión foi inmediato. Só un mes antes, no barómetro de febreiro, Pablo Casado era o candidato preferido entre os votantes do PP, cun 43,8% que o desexaba ver en Moncloa. Naquela enquisa, na que o CIS non mencionaba a Núñez Feijóo, só un 7,6% dos electores do PP apostaba por Isabel Díaz Ayuso como presidenta do Goberno.

O PSOE VOLVE LIDERAR O CIS

O Barómetro de marzo do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), dado a coñecer este xoves estrea un novo modelo de estimación de voto que non altera a orde que vén repetíndose nesta lexislatura, co PSOE na cabeza seguido do PP e de Vox, pero si reflicte un aumento deste tres partidos mentres caen Unidas Podemos e Ciudadanos.

En concreto, o PSOE aparece agora cunha estimación de voto do 31,5%, tres puntos máis que en febreiro e ampliando a 7,7 puntos a súa vantaxe respecto do PP, que marca un 23,8% e tamén sobe 2,5 puntos nun mes. Vox consolídase na terceira praza aumentando a súa estimación de voto ata o 16,3%, por primeira vez por encima do 15% que logrou nas últimas xerais.

E, en cambio, esta vez Unidas Podemos queda no 11,8% case dous puntos menos que o mes anterior, e Ciudadanos só obtén un 3,2%, por baixo do 5% que permite formar grupo no Congreso e lonxe do 6,79% que conseguiu nas xerais de 2019 e que acabou coa dimisión de Albert Rivera.

Este novo modelo de estimación de voto foi anunciado este mércores polo presidente do CIS, José Félix Tezanos, que explicou a corrección da chamada 'cociña' recoñecendo que estaban a errar ao calibrar o respaldo de Vox, algo que achaca ao voto oculto que ao seu xuízo presenta o partido de Santiago Abascal.

A enquisa, baseada en 3.922 entrevistas a cidadáns de 1.260 municipios de 50 provincias, realizouse do 1 ao 11 de marzo, polo que vén condicionada por dous fenómenos: a guerra en Ucraína, coa reacción do Goberno e os seus primeiros efectos económicos, e a batalla interna desatada no PP entre a dirección de Pablo Casado e a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que acabou situando ao galego Alberto Núñez Feijóo como novo referente do partido. A enquisa ten unha marxe de erro de máis/menos 1,6 puntos.

NAS ENQUISAS DO CIS "SEMPRE GAÑA O PSOE"

O presidente da Xunta e candidato á Presidencia do PP, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que, aínda que nesta enquisa "sempre gaña o PSOE", a vitoria final non sempre é para o favorito e recorreu a un símil futbolístico tras os resultados dos últimos partidos da Champions para apoiar o seu argumento. Ademais, agradeceu a súa boa estrea neste barómetro. "Sempre que vaia subindo a nota, imos mellorando pero créome tanto as boas como as malas", salientou.

Así se pronunciou despois de que, a pesar de que aínda non é presidente do PP, é a segunda elección preferida dos españois a gobernar España, segundo o CIS. O barómetro de marzo non incluíu as súas clásicas preguntas sobre o nivel de confianza no presidente do Goberno e no xefe da oposición, pero si pediu saber a quen prefiren ver os enquisados en Moncloa.

Un de cada catro menciona a Pedro Sánchez (26%), pero agora emerxe Núñez Feijóo en segundo lugar, cun 11,7%, superando á vicepresidenta Yolanda Díaz, que na última enquisa sacaba mellor resultado que Pablo Casado.

DICÍASE QUE O MANCHESTER E O PSdeG ÍAN GAÑAR

Ao ser preguntado polo feito de que saque mellor nota que Casado nesa enquisa, Feijóo sinalou --na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Goberno, que se celebrou en Lugo-- que "como vén sendo habitual todos os meses" co CIS "sempre gaña o PSOE".

"Tamén se dicía que o Manchester lle ía  gañar ao Atlético de Madrid e ao final perdeu. E dicíase que o Paris Saint-Germain (PSG) lle ía gañar ao Real Madrid e ao final, o Real Madrid gañoulle ao PSG. Dicíase que o Celta non ía facer unha boa tempada e esta facendo unha bastante boa e xa veremos o que pasa co Deportivo. Pero bromas fóra, se me soben a puntuación, pois moitas grazas", resaltou.

Dito isto, asegurou que ese resultado que logra no CIS pode ser por dúas cousas. A primeira, porque haxa poucos españois que o coñecen e, por tanto, cando o coñezan pódenlle " dar menos puntuación". Ou polo contrario, que haxa aínda poucos españois que o coñezan e cando o fagan, igual lle dan " máis puntuación".

"OS INTERESES DO CIS"

"Pero iso irémolo vendo en función dos intereses do CIS que, como saben, os intereses do CIS en España non coinciden moitas veces cos datos demoscópicos obxectivos", afirmou o presidente da Xunta. Así, subliñou que "lamentablemente" os españois teñen "moitísimas reservas" sobre o CIS, aínda que neste caso a el lle dean "unha nota mellor". "Eu agradézollo moito, sempre que vaia subindo a nota, imos mellorando, pero créome tanto as boas como as malas", resaltou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta