Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/03/2022 | Actualizada ás 20:11
A Consellería do Mar trasladou ao sector o borrador da orde de extracción da cría de mexillón, que actualiza un texto que data do ano 2000 e inclúe novidades como flexibilizar a recollida e estendela a todo o ano, á vez que se incrementa a rastrexabilidade ao comunicarse a captación de forma inmediata a través de ferramentas informáticas.
Así, mantense un máximo de recurso por batea de 3.500 quilos ao ano, unha cantidade que non se pode destinar á comercialización, senón unicamente á batea á que está adscrita a autorización.
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e o subdirector xeral de Gardacostas, Lino Sexto, expuxeron este texto ao sector do mexillón, unha proposta coa que se busca garantir a explotación "sustentable" dos recursos mariños, así como a mellora da rastrexabilidade e a incorporación das novas tecnoloxías á xestión administrativa desta actividade.
O borrador de orde recolle que para a extracción en bancos naturais con destino ao cultivo en viveiros debe contarse cun carné, previa autorización da actividade aos titulares de bateas. De feito, o recurso poderá ser extraído polos propios concesionarios ou por persoas vinculadas a eles cun contrato laboral ou semellante e as persoas colleiteiras deberán estar adecuadamente identificadas polo titular da concesión na solicitude de autorización para a extracción. A presentación de solicitudes estará aberto todo o ano, cunha vixencia de ano natural.
A nova norma tamén pretende flexibilizar a extracción ao outorgar ao propio sector a competencia e autorización para realizar a mesma ao longo de todo o ano, de maneira que os titulares dos viveiros poidan contar coa capacidade de adaptar os procesos extractivos aos produtivos.
O texto tamén indica que o acceso ás zonas de extracción realizarase a pé ou mediante embarcación auxiliar de acuicultura, pero en ningún caso a nado. Ademais, establécese que, de maneira puntual e extraordinaria, poderanse dar autorizacións para extraer semente nas zonas de servizo dos portos autonómicos previa solicitude a Portos de Galicia.
A Consellería do Mar remarca que se trata un borrador, polo que é posible a súa mellora a través das achegas e alegacións do sector.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.