Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2025 | Actualizada ás 21:44
Cobre San Rafael, promotora do proxecto da mina de Touro-O Pino, afirmou que os seus estudos "avalan a melloría" do estado das augas no río Ulla e na ría de Arousa tras a "implementación dun sistema avanzado de recuperación e tratamento de augas" na antiga mina de Touro. Uns argumentos totalmente opostos aos que manexa o sector marisqueiro que apunta a unha gran perda de bivalvos nos últimos tempos.
Nun comunicado remitido aos medios este xoves, a compañía mineira asegura que o informe 'Análise e evolución temporal das achegas difusas na contorna do proxecto Cobre San Rafael da Universidade de Huelva' determina "unha clara melloría na calidade das augas con posterioridade ás actuacións hidrolóxicas realizadas".
Engade que os investimentos "superiores a 3,4 millóns de euros" para crear unha planta de tratamento de auga, redes de drenaxe e bombeo e a "restauración" de leitos levaron a "unha diminución substancial na carga contaminante" que transportan estes últimos. Sostén que estas conclusións se extraen de "1.117 mostras e 52.409 datos recollidos desde 2017 dentro do programa de vixilancia continuada, con toma de mostras mensulaes nos leitos e acuíferos da contorna da mina histórica" que, posteriormente, foron analizados polo Grupo de Enxeñaría da auga e do Medio Ambiente da UDC para "deseñar o novo sistema de xestión de augas implantado".
"Os estudos realizados polo Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e a Universidade de Santiago de Compostela determinaron que a calidade da auga no Ulla e por conseguinte na ría de Arousa é boa, e non presenta ningunha afección derivada da actividade mineira", engade a compañía.
Así mesmo, apunta que as tarefas de seguimento e medición na ría de Arousa feitos en colaboración con Parquistas de Carril OPP89 e a Estación de Bioloxía Mariña da Graña revelan que "os niveis de metais disoltos, en todas as mostraxes, e estacións de control, estiveron por baixo dos niveis de referencia".
CARTAS DE EXPROPIACIÓN
Doutra banda, o Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou que propietarios de terreos na zona do proxecto da nova mina de Touro-O Pino comezaron a recibir cartas da Xunta nas que se lles anima "a revisar a relación de bens e dereitos" por se se poden ver afectados.
Nunha nota remitida aos medios tamén este xoves, o SLG censura este tipo de comunicacións sobre un proxecto que, como lembran, atópase aínda en fase de tramitación e aínda non pechou o período de alegacións. "Era o que nos faltaba por ver dentro do rol do PP de Galicia de conseguidor das empresas extractivas", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.