Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 14:08
A folga do servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela será "diaria e indefinida" desde o vindeiro mércores 6 de abril. Comisións Obreiras lembrou nun comunicado que os paros comezaron o pasado 1 de decembro e que "sempre contaron cun seguimento superior ao 70%". "Case catro meses despois, suspendéronse 1.103 consultas ata este xoves, 24 de marzo", recalcan.
Destacan que esta é a resposta dos profesionais á "deixadez e inacción" da Xerencia da área Sanitaria, "que mantén como xefe de servizo a unha persoa [Carlos Martín Martín] que levou aos tribunais a tres cuartas partes do persoal facultativo fixo".
Desde o comité de folga lamentaron que a xerente da área Compostela-Barbanza, Eloína Núñez, "prefira protexer a un xefe de servizo cuxa xestión está constantemente posta en cuestión, antes que porse ao lado de dez facultativos fixos que levan desde o 8 de xuño denunciando os defectos na prestación asistencial".
"A xerente ten mecanismos e capacidade para pór fin a estes conflitos cando aparecen. E ten que velar pola calidade da asistencia sanitaria que se lle dá á poboación no seu ámbito, cousa que non fai e do que é consciente", reprocharon. O comité remarcou ademais que "ata en dúas ocasións" solicitaron reunirse co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, "sen que a día de hoxe se atendera a petición" e "pese ao mandamento do Parlamento para que a Xunta poña fin a esta situación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.