Fenda dixital: a Xunta di que o 70% das xestións admiten a vía presencial, á parte da electrónica

As actuacións da administración viran ao redor de mecanismos de representación, canles alternativas, funcionarios habilitados, usabilidade, e autonomía e inclusión social.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2022 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia preparou un paquete de cinco medidas co que buscan garantir o acceso universal á administración dixital e así reducir a fenda dixital en Galicia, que se dá especialmente entre a poboación de máis idade. Segundo detalla a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as actuacións están enfocadas no establecemento de mecanismos de representación e axuda e na capacitación dixital.

Neste sentido, a Amtega lembra que todas as tramitacións que se realizan dixitalmente poden ser delegadas nunha persoa que actúe como representante. Para aqueles casos nos que os trámites requiran datos ou identificación do usuario, en abril do pasado ano habilitouse o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia, que permite que calquera persoa física ou xurídica poida nomear un representante para que realice os seus trámites nas administracións.

Aínda con estes sistemas, a Administración autonómica recalca que, actualmente, o 70% das xestións administrativas admiten a dobre vía (presencial-dixital), xa que "se promove que aqueles procedementos dirixidos á cidadanía, e en especial a persoas maiores, admitan canles alternativas --presenciais ou telefónicos--".

As Oficinas de Rexistro da Administración das cidades contan con postos cidadáns desde os que se poden realizar tramitacións electrónicas e o Servizo Integrado de Atención á Cidadanía, a través do teléfono 012, facilita a realización de trámites mediante a sede electrónica da Xunta. Este último servizo, explican, proporciona asistencia técnica para que as persoas poidan configurar os seus equipos de forma que se adapten aos requirimentos da Sede.

ASESORAMENTO EN AULAS CEMIT

A isto súmase ademais o asesoramento da Rede de Aulas Cemit, sobre todo no ámbito rural, a aquelas persoas con dificultades na tramitación dixital. Segundo os datos da Amtega, durante 2021 a Rede planificou e facilitou máis de 3.000 horas para a atención de dúbidas, asesoramento ou titoría sobre o uso de tecnoloxía e servizos dixitais.

Indican que a utilización deste servizo se duplicou nos últimos anos, sobre todo durante a pandemia. Así, pasou de representar o 4% da actividade das aulas en 2016 ao 8% en 2021; mentres que, no que vai de 2022, se planificaron xa máis de 350 horas, o que supón o 8,6% das actividades das aulas.

Outra das medidas avanzadas é creación dun rexistro de funcionarios habilitados para facer trámites dixitais desde as propias oficinas físicas en presenza da persoa que ten que facer a xestión. Volvendo á Administración electrónica en si, a Xunta avanza tamén a procura de solucións que faciliten a relación da cidadanía coas administracións mediante tecnoloxías como a Intelixencia Artificial ou o desenvolvemento de asistentes virtuais.

Nesta liña, a Consellería de Facenda e a Amtega asinaron en setembro de 2021 un convenio coa Universidade de Santiago para avaliar e mellorar a eficiencia dos procedementos administrativos. Ao amparo deste acordo, a USC desenvolve unha metodoloxía para abordar a análise dos procedementos con técnica de minaría de procesos e desenvolverá un asistente virtual avanzado para prestar axuda aos usuarios da sede electrónica autonómica.

AUTONOMÍA E INCLUSIÓN DIXITAL

A última medida está relacionada co impulso da autonomía e a inclusión dixital. A este respecto, a principios deste ano o Consello de Goberno da Xunta puxo en marcha o Plan de Ampliación e Reforma da Rede Cemit, "que implicará unha transformación e modernización progresiva ata 2025 dos centros existentes e a creación de 30 novas aulas", ademais do lanzamento dun novo servizo de aula móbil.

A Rede, creada por Amtega en 2011, conta neste momento coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros distribuídos en 52 comarcas. No novo convenio cos municipios, está previsto que as aulas da rede reserven 800 horas de formación no caso das cidades e 350 horas en pequenos municipios para a realización do curso completo de competencias dixitais, que inclúe contidos sobre administración electrónica.

Programaranse ademais actuacións específicas dirixidas a axentes TIC sobre o funcionamento da Sede electrónica mediante o uso dunha contorna de probas. Nestes seminarios participan tamén funcionarios municipais.

Mozos ao redor dun computador. CONCELLO DE PAMPLONA
Mozos ao redor dun computador. CONCELLO DE PAMPLONA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta