Por que este salto ao pasado para falar da sanidade de hoxe? Tratarei de explicarme. Non foi ata o ano 2008 cando, a través da Lei de Saúde de Galicia, se aproba a creación dos Consellos de Saúde a nivel autonómico e de área sanitaria, no que se contempla a participación das asociación de pacientes. Ata ese momento, os pacientes e usuarios non tiñamos en funcionamento ningunha canle de participación dentro da estrutura administrativa do servizo público de saúde. Todas as decisións se adoptaban sen ter que render conta ningunha ante os usuarios. A día de hoxe, estes órganos de participación aínda seguen sen constituírse. No ano 2018 prodúcese unha reforma da Lei que recorta de forma ostensible as súas funcións. A partir dese momento, os Consellos de Saúde deixan de ser un órgano asesor e pasan a desempeñar unha función pasiva como meros receptores de información, e queda relegada a súa actividade real á realización de propostas sen efecto xurídico de ningún tipo. É relevante citar como, ao igual que na época do despotismo ilustrado, o poder executivo e lexislativo non están dispostos a cederlles parcelas de intervención activa aos pacientes e usuarios e, así, suprímese a capacidade dos Consellos de Saúde para poder coñecer e emitir informe previo sobre o anteproxecto do Plan de Saúde; deixase sen efecto a súa función de seguimento e avaliación das políticas sanitarias a través da memoria anual; arrebátase o dereito a coñecer e ser informado sobre os contratos do servizos sanitarios e sobre concertos e programas de subvencións.
A reforma anterior vai acompañada da creación dos Consellos Asesores do Paciente, cuxa composición e réxime de funcionamento se estableceu mediante a Orde da Consellería de Sanidade do 16 de outubro de 2018. As súa función esencial limítase a asesorar e informar sobre sobre aqueles aspectos, actividades e procedementos ou servizos que teñan impacto sobre as condicións da asistencia sanitaria. É dicir, contan cun ámbito de actuación que non vai mais alá de formular suxestións ou propostas, sen coñecer nin ter capacidade ningunha de incidir sobre as decisións relevantes da xestión dos recursos e medios dispoñibles.
Con esta estrutura legal fortemente mutilada, chegamos á posta en funcionamento dos Consellos Asesores do Paciente. Para a súa composición séguese un sistema ancorado nos procedementos censatarios preconstitucionais, polo cal todas as asociacións inscritas na Consellería de Sanidade poden pertencer ao organismo previa designación por parte do titular da xerencia de cada área sanitaria. Por suposto, nada de elección mediante sufraxio universal activo dos seus membros. Forman parte del o titular da xerencia e cada un dos titulares dos órganos de dirección que correspondan a cada estrutura de xestión.
Pero vaiamos agora á realidade. Como funcionan na práctica os Consellos Asesores do Paciente de Área? Legalmente teñen a consideración de órganos consultivos colexiados e o seu funcionamento está suxeito aos principios de autonomía orgánica e independencia funcional e xerárquica e, xa que logo, teñen a capacidade de autoorganización a través do seu propio regulamento interno. Collamos o caso da área sanitaria de Compostela -A Barbanza. Todas as sesións se realizan en xornada de mañá, impedindo así a participación daqueles colectivos que non contan con persoal contratado e que non poden asistir por razóns laborais. As convocatorias, salvo nun caso, nunca acompañan a documentación que vai ser obxecto de debate ou análise. Nunca foi distribuído entre os membros do Consello o Plan de Saúde ou a Memoria Anual da área sanitaria. Das 7 sesións celebradas desde a súa constitución, só nunha ocasión (1/2019) foi remitido o borrador da acta da sesión anterior. A participación dos colectivos de pacientes e usuarios limítase a formular rogos e preguntas, sen que exista garantía legal ningunha de que van ser atendidos. As sesións concíbense e diríxense como unha charla de formación, na que o persoal técnico adestra aos pacientes no coñecemento de asuntos relativos á xestión. Todo isto aderezado, por suposto, coa loanza propagandística das grandes innovacións tecnolóxicas que se van implementado por parte do equipo directivo.
Como no despotismo ilustrado, somos tratados de xeito paternalista, sen que se nos recoñeza a capacidade legal nin práctica para poder emitir un xuízo previo preceptivo con consecuencias respecto dos servizos sanitarios que usamos. Créase un ámbito legal de aparente participación democrático, pero que en realidade no se nos atribuén dereitos políticos aos usuarios dos servizos sanitarios. O resultado final é que os Consellos Asesores do Paciente da área son unha farsa feita a medida dos órganos directivos elixidos baixo criterios de afinidade política, nos que o papel dos usuarios se limita a ser o de meros espectadores. Seguimos, despois de máis de douscentos cincuenta anos na era do despostismo ilustrado: “todo polo paciente pero sen o paciente”.