Por Fernando Abraldes | Compostela | 15/02/2022
A doutora do servizo, Fátima Narecellas, o 11 de novembro de 2019, ante o gravIdade e o sufrimento de dous pacientes que tiña asignados pola triaxe, colocados nese lugar, decidiu sacalos do corredor e trasladalos á sala de observación para a súa auscultación, diagnóstico e tratamento, contravindo a orde do coordinador e a negativa do supervisor de quenda. O coordinador do servizo, secundado pola xerencia, insta por escrito a apertura dun expediente disciplinario, actualmente en fase de resolución, no que se solicita a suspensión de funcións durante 17 días por incumprir o principio de obediencia debida e as normas de funcionamento do servizo.
Ante a descrición dos feitos, calquera usuario do servizo galego de saúde non pode menos que alarmase ao comprobar como se converte unha asistencia urxente nunha conduta perseguible e se amparan con iso outros comportamentos e normas tácitas que non se xustan á ética médica e ao seu código deontolóxico.
O código deontolóxico da organización médica colexial é un instrumento normativo que precisa dun real decreto para súa aprobación e cuxa aplicación obrigatoria está avalada polo ordenamento xurídico estatal e autonómico regulador das profesións sanitarias e dos servizos públicos de saúde. As súas disposicións son normas de deber que esixen unha determinada conduta e o seu incumprimento é susceptible de sanción. Gozan dun estatus xurídico superior ás instrucións ou normas internas dos servizos, que en ningún caso poden recoller ou admitir, tácita ou expresamente, circuítos de atención que vulneren os dereitos fundamentais dos pacientes. Os corredores de acceso dos servizos de urxencias non é unha zona de atención e, polo tanto, pretender que os pacientes graves agarden colocados nese lugar o tempo de espera fixado pola triaxe atenta contra o dereito á dignidade. Coaccionar a unha facultativa, a través do uso desviado dunha potestade administrativa, para normalizar a utilización dos corredores como zona de espera, e impedir a atención urxente, vulnera o deber de auxilio como primeira e principal obriga da deontoloxía médica, ao tempo que incumpre o imposto aos facultativos directivos de garantir que as prestacións se adapten ás necesidades asistenciais, preservando a intimidade dos pacientes. A perversión do procedemento e a persecución dunha actuación médica de urxencia é de extremada gravidade porque se inverte a xerarquía dos principios que inspiran o exercicio da medicina e se persegue con saña unha profesional que se limitou a facelos cumprir.
A obediencia debida, á que apelan os impulsores do procedemento disciplinario, nun sistema democrático non pode pretender o cumprimento de ordes verbais dun superior xerárquico cando aquelas son contrarias a normas con rango legal, e moito menos cando impiden a atención urxente de pacientes con síntomas de gravidade situados nos corredores de acceso. Ninguén pode ampararse na obediencia debida para evadir a responsabilidade de conductas que, por acción u omisión, son constitutivas de sanción. Pretender que unha orde se antepoña a unha obriga deontolóxica de atención de pacientes prostrados, soportando procesos de dor nunha zona que non está destinada para esa finalidade e, ademais, impulsar un procedemento disciplinario contra a facultativa é unha vulneración do código deontolóxico dos facultativos directivos por utilizar a xerarquía como instrumento de dominio ou abuso de poder.
Nas circunstancias descritas, o deber é desobedecer. Para os pacientes e usuarios, a ética médica e o código deontolóxico constitúen un muro de contención esencial que garante, na práctica e sobre o terreo, a nosa integridade física e moral cando requirimos atención médica, cobrando unha especial relevancia cando a demanda é urxente. O seu cumprimento é a base da confianza na que se sustenta a relación médico-paciente e constitúe o compromiso da profesión médica coa sociedade á que presta o seu servizo. Xa que logo, o expediente disciplinario aberto á doutora Fátima Nercellas ameaza a todos os profesionais que antepoñan a ética médica a calquera outra consideración burocrática ou organizativa e a todos os pacientes que, prostrados e vulnerables, perdemos, na práctica, o respaldo de condutas que nos priorizan, fronte ao uso perverso e desviado de competencias directivas e ante as cales a Organización Médica Colexial non pode nin debe permanecer impasible.