A pesar de existir outras magnitudes máis representativas como os cuantís, que poden agrupar os datos en 4, 10 ou 100 partes, en función dos tempos de espera, emprégase a media aritmética, que oculta e distorsiona total e absolutamente a distribución temporal da mostra, considerando igualmente eficiente o paciente que é atendido antes dos tempos máximos de espera como aquel que acumula decenas de meses de demora.
Sobre o tratamento homoxéneo da información das listas de espera no sistema nacional de saúde, é de aplicación, con rango de lexislación básica, o RD 605/2003 de 23 de maio que fixa a información mínima que as CC.AA. teñen que subministrar semestralmente ao Ministerio de Sanidade. Trátase, polo tanto, de datos dispoñibles, actualizados e elaborados periodicamente polo SERGAS que, como veremos a continuación, non se publican na súa totalidade no portal da transparencia.
O anexo II.II deste RD, que recolle a información que se debe transmitir sobre intervencións cirúrxicas, ademais dos datos sobre listas de intervencións programadas, obriga a dispoñer de información actualizada sobre pacientes en listas de espera non estrutural (aqueles que rexeitan a intervención nun centro alternativo concertado e os que non poden ser intervidos por causas organizativas). Tamén obriga a comunicar o TME de pacientes pendentes de intervención en lista programada ou non estrutural e a mesma magnitude estadística para os pacientes intervidos. Establece, igualmente, que debe calcularse e transmitirse a información relativa á demora media prospectiva nos últimos 12 meses que indica o tempo, expresado en dias naturais, que tardaría en absorberse a totalidade dos pacientes en espera. Para probas diagnósticas e consultas externas a información que cómpre elaborar é a mesma con algunha variación de pouca relevancia para o obxecto deste artigo.
Pois ben, de toda esta información, o SERGAS non fai pública a información sobre as listas de espera non estrutural, non publica o TME das persoas pendentes de atención, nin a demora media prospectiva e isto faise sen norma autonómica propia que estableza que información se omite. Pero é máis, a C.A. de Galicia aprobou o Decreto 105/2017 do 28 de setembro polo que se regula o sistema de garantías de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas, fixando como limite de atención 45 días para intervencións cirúrxicas e 60 días para probas diagnósticas e consultas externas, sempre que se trate das doenzas recollidas e descritas medicamente nos anexos I, II e III. Dado que a información que se publica semestralmente se agrupa por servizos e non por doenzas, e que os tramos de tempo de demora non se axustan ao citado decreto, non existen datos públicos que permitan valorar o cumprimento dos referidos prazos e, xa que logo, da garantía legal de atención.
O SERGAS móvese tradicionalmente no campo de arbitrariedade e da opacidade informativa, convertendo o sistema público de saúde nun nicho onde aínda non se aplican principios esenciais do estado de dereito como o da transparencia e o control da actividade administrativa por parte dos cidadáns e usuarios. Se isto non é tolerable en ningún caso cando se trata de servizos públicos, menos tolerable é cando está en xogo a saúde das persoas.