Miñones pide "lealdade" para aplicar o plan de choque do Goberno

Destaca o impacto en Galicia en sectores como o primario e as medidas para "preservar o emprego".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2022 | Actualizada ás 10:52

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, pediu "unidade e "lealdade" para a aplicación do plan de choque do Executivo central contra o impacto económico e social da guerra, na presentación das principais medidas e a súa repercusión na comunidade autónoma galega.

En rolda de prensa, Miñones afirmou que debe aproveitarse este momento para "transformar e preparar a Galicia" ante os "enormes retos" e insistiu en que as "premisas" do citado plan son a "unidade e a solidariedade". "Un novo escudo social", resumiu, en relación a un plan do que lembrou que mobilizará 16.000 millóns en toda España, co obxectivo tamén de "preservar o emprego".

No caso do sector de transportistas e as achegas que recibirán, cifrou en case 10.700 as persoas beneficiarias en Galicia, ao que sumou as bonificacións para os carburantes que repercutirán en todos os condutores. Sobre as gasolineiras e as demandas das máis pequenas, apuntou, ao ser preguntado por esta cuestión, á posibilidade de que reciban a bonificación correspondente cada mes ou ter un anticipo as que o soliciten.

OUTRAS MEDIDAS

Destacou tamén as axudas ao sector primario, remarcando que as granxas lácteas beneficiadas en Galicia, dos 124 millóns para produtores lácteos destinados en total, representan máis da metade das existentes en todo o Estado. No caso da pesca, indicou que serán máis de cinco millóns de euros en axudas a este sector en Galicia.

No caso dos colectivos vulnerables, apuntou á revalorización un 15% do ingreso mínimo vital, destinado en Galicia a 28.000 fogares, con máis de 47.000 persoas. En canto á ampliación do bono social eléctrico, dixo que se pasará de 73.000 beneficiarios a 115.000. Ademais, aludiu ás medidas para "protexer o emprego" a través dos expedientes de regulación de emprego temporal ou as vinculadas á vivenda e os contratos de aluguer.

Miñones indicou que, no actual contexto, "é máis importante que nunca a unidade". "Pedímola tamén aquí", aludindo ás administracións, os partidos políticos e os axentes sociais. "Unidade e lealdade", resumiu, insistindo, ademais, que o Goberno "está a dar resposta ás demandas históricas de Galicia".

O director da Mariña Mercante, Benito Núñez (i), e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, responden os medios.. Beatriz Ciscar - Europa Press
O director da Mariña Mercante, Benito Núñez (i), e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, responden os medios.. Beatriz Ciscar - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta