Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2022 | Actualizada ás 12:25
O presidente do comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, acusou este xoves ao Goberno central de "enganar" aos traballadores co estatuto electrointensivo. "Vese que o goberno nos estivo enganando con ese estatuto, cando agora aproban un 80 por cento de bonificación ás peaxes e antes dicían que non o permitía a Unión Europea", sinalou Zan despois do acordo con Bruxelas que permite que os gobernos de España e Portugal poidan lidar co prezo da enerxía.
"É algo incongruente e está claro que o estatuto non é que fora malo senón é que nin sequera daba o que permitían as autoridades", afeou o presidente do comité de empresa de Alcoa. Zan ratificou que este venres volve reunirse a "comisión de seguimento", sobre o acordo para o parón das cubas durante dous anos, e no que intervén, ademais, da multinacional, os traballadores, o Goberno central e a Xunta.
O sindicalista de Comisións Obreiras adiantou que "a formulación é ver en que punto están os investimentos, ver en que punto están eses acordos con empresas de (enerxías) renovables e ver o avance da Xunta e o Goberno central na aprobación de parques (eólicos)". Os traballadores de Alcoa seguen "coa preparación" das máis de 500 cubas paralizadas, un traballo que lles levará "dous anos, porque ademais da preparación para a reapertura, hai que cambiar os ánodos".
FOLGA DE TRANSPORTISTAS
Finalmente, José Antonio Zan sobre o paro no transporte destacou que "non" lles afectou tanto como á planta de Alumina que "viu comprometido o seu funcionamento". "É normal que a xente do transporte e toda a sociedade esteamos de unllas porque non é lóxica esta escalada de prezos que sufrimos desde hai tempo", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.