Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2022 | Actualizada ás 12:24
Os mariscadores á boia das confrarías de Ferrol e Barallobre recibiron nas últimas horas a confirmación de que non se poderá volver abrir o banco das Pías (o máis grande da Ría de Ferrol) debido á escaseza de ameixa de talla comercial. O sector, explicou este venres o patrón do depósito fenés, Jorge López, esperaba que volvese abrir tras meses pechado para que os socios "puidesen remontar un pouco a mala situación" que levan, incidiu, "desde hai tanto tempo".
Pero non foi así e nas últimas horas os técnicos da Xunta anunciáronlles nunha reunión que non será posible, posto que "non hai marisco válido para extraer", supostamente debido á proliferación de estrela de mar, un depredador natural do bivalvo. Por parte das confrarías insisten na necesidade de coñecer as causas da crise de produción de ameixa dun banco que durante décadas foi o máis importante de toda Galicia.
O sector cre que non hai unha única causa e, de feito, promoveu a creación dunha mesa de traballo con representación de todas as administracións implicadas para estudar a fondo a orixe desta situación sen precedentes.
"Ultimamente", sinalan os depósitos nun comunicado, "foi un parasito (o Perkinsus olseni) o que levaba a culpa e nesta ocasión é un depredador mariño, a estrela de mar, acusada da desaparición de tres toneladas de ameixa" nun banco, engaden os patróns maiores nun comunicado, "no que non traballaron máis de media ducia de profesionais apenas cinco días de setembro a marzo".
NON ANTES DE XUÑO
As previsións do sector confiaban en que o banco abrise de novo durante a primeira quincena deste mes de abril e por parte da Xunta informóuselles de que se estudará a posibilidade de volver autorizar a extracción de ameixa na zona en xuño, non antes. A esta situación sumar, lembran as confrarías, o feito de que o banco da Cabana-A Malata pechará en breve co inicio das obras da construción do viaduto para o acceso ferroviario do porto exterior.
"A situación é xa desesperada", advirten os portavoces dos depósitos, "para un sector que queda literalmente sen alternativas", polo que piden á Xunta unha reunión urxente para "estudar solucións e poder acabar coa progresiva sangría de abandonos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.