Diego Calvo abstense de votar no Parlamento "non por nada, non pola iniciativa"

Fíxoo así logo de ter que asumir a presidencia da comisión.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2022 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a desenvolver a Lei do Estatuto xurídico dos empregados públicos de saúde de Galicia, contemplado no punto 3 do artigo 109 da Lei 8/2008. Unha xornada marcada polas explicacións do popular Diego Calvo sobre o seu silencio: "non por nada, non pola iniciativa" diría despois. 

Esta iniciativa foi aprobada, con modificacións, no seu primeiro punto, por unanimidade do tres grupos con representación parlamentaria, no marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego tras ser presentada polo BNG sobre a demanda da Xunta ao Goberno central de modificacións normativas, así como sobre a adopción de medidas propias, para facilitar a xubilación anticipada e parcial do persoal estatutario e funcionario dos servizos de saúde.

Con todo, o PP rexeitou cos seus votos maioritarios o segundo punto da iniciativa presentada polo Bloque, e apoiado polo PSOE, no que expuña dirixirse ao Goberno central para que nun prazo non superior a seis meses presentase un estudo sobre a normativa reguladora da xubilación anticipada e parcial dos empregados públicos, "recollendo a realidade específica do persoal estatutario e funcionario dos servizos de saúde, tomando en consideración as súas singularidades".

A iso engadía o BNG nese segundo punto rexeitado que presentado o estudo levarían a cabo as medidas normativas necesarias para garantir coa maior urxencia o dereito do persoal estatutario dos servizos de saúde á xubilación anticipada e parcial, "de modo que cumpridas as condicións non se lle apliquen penalizacións e poidan cobrar o 100% das súas retribucións incluída a atención continuada".

DIEGO CALVO NON VOTOU

O único deputado que non votou nesta comisión, ningunha do catro iniciativas presentadas, todas elas da oposición, foi o popular Diego Calvo, que presidía a mesma, da que non forma parte, en ausencia da súa presidenta, Corina Porro. Tamén escusou a súa ausencia por enfermidade o vicepresidente do órgano, Miguel Tellado.

Ante esa situación e a imposibilidade de que o vicepresidente dirixise a comisión en lugar da presidenta, e ao non poder facelo o xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, pasou a presidila Diego Calvo, no seu papel de vicepresidente do Parlamento e membro da Mesa da Cámara.

Fontes consultadas por Europa Press trasladaron que, nesta conxuntura, e en aras do que contempla o regulamento para o presidente do Parlamento --que só terá voto naquelas comisións das que forme parte--, aínda que neste caso era o vicepresidente da Cámara o que exercía no seu lugar, optou por manterse á marxe da votación, unha decisión que non influíu no resultado dada a ampla maioría do Grupo Popular.

O propio parlamentario, tras a votación da segunda proposición non de lei, relativa ao Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, aclarou que decidiu "non votar". "Non por nada, non pola iniciativa", afirmou Calvo, que gañou protagonismo en días pasados, ante o proceso sucesorio do PPdeG, para puntualizar que xustificaba a súa decisión por estar "en época de interpretacións complicadas".

Vista xeral do Parlamento Galego a 13 de outubro de 2021, en Santiago. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Vista xeral do Parlamento Galego a 13 de outubro de 2021, en Santiago. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta