Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2022 | Actualizada ás 12:56
O Tribunal Supremo admitiu a trámite os recursos de casación e infracción penal presentados polo Concello de Santiago contra a sentenza da Audiencia Provincial de Madrid que outorga a propiedade das estatuas de Isaac e Abraham do Pórtico da Gloria á familia Franco, un fallo que o alcalde cualificou de "claramente inxusto".
Así o anunciou o rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, nunha rolda de prensa na que aplaudiu que "estea entreaberta" aínda unha porta que "parecía pechada", a acción xudicial que o concello mantén contra a familia Franco pola propiedade destas estatuas do Mestre Mateo, que pertencían orixinalmente á anteportada do Pórtico da Gloria e que permanecían desaparecidas desde os anos 50.
"Esta mañá recibimos a comunicación do Tribunal Supremo, que admite a trámite os dous recursos do concello e abre un novo procedemento tanto por casación como por infracción procesual", dixo Bugallo, que advertiu de que "non se pode cantar vitoria en absoluto". Agora, o concello ten 20 días para documentar as súas queixas, no caso da infracción procesual, e os seus argumentos, no recurso de casación.
UNHA "LEVE ESPERANZA"
Con iso, mantense unha "leve esperanza" de que o Supremo "poida reparar esa tremenda inxustiza derivada da sentenza da Audiencia de Madrid", que lle recoñece a propiedade á familia Franco, "aínda que esta non puido acreditar en ningún momento" os documentos de posesión das mesmas, mentres que o consistorio entregou "a escritura de compra desas esculturas", dixo o alcalde.
"Confío en que o Tribunal Supremo aprecie esa documentación que se foi achegando en cada momento e revise unha sentenza que teño que dicir que me parece claramente inxusta", engadiu Sánchez Bugallo. A intención do consistorio é "recuperar o que debe ser un patrimonio de todos", explicou o rexedor, que lamentou que o Franco non aceptasen a proposta que o concello realizou hai un ano, para que cedesen as esculturas para a súa exposición ao Museo da Catedral. "O que queremos é que poidan verse", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.