O teatro afeccionado dáse cita en Ourense con alumnos de todo o Estado

Intérpretes profesionais darán aulas nun evento patrocinado pola Deputación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2022 | Actualizada ás 19:33

Comparte esta noticia

Ourense converterase entre este xoves e o domingo, en plena Semana Santa, en pioneira na preparación de intérpretes afeccionados coa celebración das primeiras xornadas formativas do Teatro Amador Galego, organizadas pola Federación de Teatro Afeccionado de Galicia (Feteagal).

Trátase dunha iniciativa que reunirá a medio centenar de inscritos e que mestura aprendizaxe con actores, actrices e directores profesionais, xunto co coñecemento da provincia ourensá a través de visitas a destacados enclaves patrimoniais.

Así o deu a coñecer o vicepresidente segundo da Deputación Provincial, César Fernández, quen felicitou aos organizadores destas xornadas que "permiten pulsar o movemento cultural nunha provincia onde o teatro é referencia", con exemplos como a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ou o Festival de Teatro Galego do Carballiño.

Na presentación do programa, realizada no Pazo Provincial, tamén estiveron presentes o presidente de Feteagal, David Vázquez, e a subdirectora das xornadas, Manuela Casal. Así pois, Vázquez agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense para levar a cabo unha actividade que nace, segundo explicou, "con vocación de continuidade despois de que o pasado ano se fundara Feteagal".

"EXCELENTE ACOLLIDA"

Ademais, o presidente da Federación manifestou a "excelente acollida" que tivo a proposta, trasladando que se cubriron todas as prazas e non só con inscritos de toda Galicia, senón tamén de Asturias, Cantabria e Estremadura. Pola súa banda, a subdirectora das xornadas, Manuela Casal, afirmou que o catro días "serán unha oportunidade para convivir e intercambiar experiencias, opinións, necesidades e para saber que non estamos sós". Así mesmo, Casal aproveitou para explicar os motivos que os levaron a constituír a Federación, á vez que puxo en valor aos afeccionados que "levan o teatro por toda a provincia".

As xornadas formativas do Teatro Amador Galego comezarán o xoves, 14 de abril, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, continuarán despois en San Cristovo de Cea e Vilamarín e terminarán o domingo 17 no Liceo de Ourense. Nesta primeira edición o equipo de formadores está integrado pola actriz e docente da Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid, Mariana Carballal, o intérprete e colaborador do programa da TVG 'Land Rober' Miguel Canalejo, a responsable da aula de Teatro de Ribadavia, Rosa Puga, e o dramaturgo Alfonso Becerra.

Teatro Colón na Coruña
Teatro Colón na Coruña | Fonte: Coruña.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta