Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 18/04/2022 | Actualizada ás 22:00
O desemprego de longa duración é un mal endémico en Galicia. As últimas informacións apuntan un 26,7% de persoas nesta situación, superando o cuarto da poboación desempregada no país. Este fenómeno ten orixes diversas mais todo apunta ao desmantelamento laboral nos tres sectores produtivos. Un exemplo no sector terciario é a banca que cos axustes sobre os seus cadros de persoal está eliminando postos ocupados por persoal cualificado, moitas veces menor de 60 anos. Alén diso, o colectivo que nos ocupa inclúe persoas recpetoras de prestacións por desemprego, subsidios, salario mínimo vital (SMV), RISGA e outras axudas. A elas súmaselles quen non encontrou traballo durante os dous últimos anos ou máis e tampouco teñen cobertura social ningunha.
UN BREVE PERFIL
“O desemprego de longa duración é un mal endémico en todo o Estado, non só en Galicia, e ademais diso, temos unha das taxas máis altas da Unión Europea”, indica Maica Bouza de CCOO. Esa taxa sinala a España coa maior porcentaxe de desemprego dentro da UE cun 12,6% con Grecia por detrás cun 11,9%. As porcentaxes son aínda máis altas se só nos circunscribimos á xente con dous ou máis anos sen emprego, España suma o 30% dos e das desempregadas de longa duración de toda a Unión, 912.000 persoas.
Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), desempregado de longa duración é quen leva doce ou máis meses sen traballar, incluíndo na enquisa quen xa encontrou traballo despois da entrevista. É esta unha definición aceptada? O IGE di seguir os parámetros marcados por Eurostat, a oficina estatística da Comisión Europea, para elaborar a súa definición. Por outra parte, o perfil da persoa que vive nesta situación “a maioría son persoas que xa traballaron con anterioridade, dentro delas hai quen leva dous anos ou máis buscando emprego mesmo cobrando prestación” apunta Maica Bouza.
“Son desempregados sen capacidade de sustento digno, con dificultades para dar cun traballo e que moitas veces recorre ás coberturas sociais” do Francisco González Sío, da CIG. Esta situación responde para González Sío a unha repartición irregular no mercado laboral en Galicia. Mentres que os sectores primario e secundario diminúen a súa actividade e a absorción de man de obra, o sector terciario estaría focalizándose na hostalaría “e atender o Camiño de Santiago” cunhas condicións laborais moi precarias, “moito máis que noutros lugares do Estado”. Por tanto, a falta de alternativas e novas oportunidades é un factor máis detrás do fenómeno laboral que nos ocupa.
QUEN SON?
Unha característica do mercado laboral en toda España é o “idadismo, a discriminación por idade para entrar no mercado laboral, unha compoñente psicosocial que aquí afecta sobre todo a persoas maiores de 45 anos” sinala Bouza. O mercado laboral considera “vellos” e “vellas” xente capacitada e “excelentes profesionais” se pasan dos 40 anos. “O sector da banca por exemplo, está eliminando postos ocupados por profesionais de cincuenta e poucos anos cunha formación excelente e na mellor etapa profesional da súa vida”, apunta Bouza.
Un segmento da poboación moi castigado por esta tendencia laboral son as mulleres. Aquelas que abandonan o seu posto de traballo para exercer as tarefas do fogar ou atender persoas dependentes, cando buscan volver ao mercado laboral, baten cunha realidade que acusa a súa idade ou a falta de “reciclaxe” para novas demandas nos seus antigos postos.
Os sectores que poderían ofrecer empregos de calidade van perdendo peso na economía galega. “O sector primario pasa polo abandono de explotacións, dentro do secundario as oportunidades tamén diminúen e no terciario temos salarios e postos moi precarios” insiste González Sío. Isto, máis as trabas xa apuntadas crean dentro da persoa sen traballo unha sensación psicolóxica de incapacidade para encontrar un emprego.
A busca de novas vías de emprego fóra do sector servizos, a mellora nas condicións contractuais e de salario así como cambios na cultura empresarial para contratar, serían algúns puntos que poderían reducir a porcentaxe de desemprego de longa duración en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.