Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 19/04/2022 | Actualizada ás 18:31
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes o sometemento a información pública durante 30 días dun novo parque eólico impulsado por Greenalia nos concellos ourensáns de Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos.
Trátase do PE Lamas de Feáns, que terá 33 megawatts (MW) de potencia e unha produción prevista de 103.174 MWh/ano. Estará composto por sete aeroxeradores de 5 MW cada un, unha altura de 127,5 metros e un diámetro de rotor de 145 metros. Para a súa posta en marcha, Greenalia estima un investimento superior aos 27 millóns de euros, segundo informa a compañía promotora. A esta cantidade suma 650.000 euros destinados ás administracións locais a través de taxas e impostos.
Ademais, a empresa garante que a súa instalación "non supón efecto ningún, directo nin indirecto", sobre zonas incluídas na rede galega de espazos protexidos nin sobre a Rede Natura 2000. É máis, para a súa implantación excluíuse tamén a área recollida na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 e das zonas incluídas no catálogo galego de humidais.
Polo que respecta ás reservas da biosfera, Greenalia recoñece que "parte das novas estruturas do parque prevense na denominada zona de transición da Reserva Transfronteiriza Gerês-Xurés", aínda que está "afastado a máis de 5,5 quilómetros da zona de núcleo".
De feito, o estudo ambiental recolle medidas correctoras na flora, como é o caso do proceso de revexetación do hábitat que se poida ver afectado as obras --uns 39.000 metros cadrados--. Tamén se realizou un estudo sobre a posible afectación á aguia real con datos da Xunta, aínda que a compañía asegura que se determinou a non afectación a esta especie.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.