Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/04/2022 | Actualizada ás 15:45
O Parlamento de Galicia aprobou este mércores por unanimidade unha Proposición Non de Lei na que se solicita ás autoridades competentes de Uruguai que tomen "todas as medidas necesarias" para garantir a protección sanitaria dos socios de Casa de Galicia, así como aquelas que, axustadas a dereito, garantan a protección e integridade do patrimonio cultural, artístico e histórico da entidade.
O obxectivo, indican, é que desta forma "permanezan no ámbito da galeguidade no país, axudando aos socios á súa adquisición ou facéndoo directamente a Administración, en caso de non ser posible outra solución". Demandan ademais que tanto o Estado como a Xunta continúen coas medidas que correspondan dentro das súas competencias para "asegurar a protección socio-sanitaria dos emigrantes galegos".
A proposición aprobada foi froito da unión das propostas sobre o mesmo tema do BNG e o PPdeG, co texto transaccionado, debatida e aprobada na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior da Cámara galega.
A deputada popular Raquel Arias manifestou que a súa preocupación ante a situación é dobre: "por unha banda, a protección sanitaria dos socios da casa e, por outra, a protección do patrimonio e a garantía da súa continuidade". Aínda con isto, incidiu en que "a consecuencia da cualificación xurídica da Casa de Galicia", só o Goberno de Uruguai é "competente para o control, desde calquera punto de vista, da institución".
"Iso non quita que desde a Xunta se siga moi de preto e de forma continua a situación da Casa de Galicia, da mesma forma que se fai co resto de entidades de diferentes países do mundo", destacou. Nesta liña referiuse a os contactos entre o secretario xeral de Emigración e o delegado da Xunta en Uruguai desde 2016 "para chegar a unha solución satisfactoria para a Casa de Galicia".
BNG E PSDEG, CRÍTICOS COA ACTUACIÓN DA XUNTA
Pola súa banda, o nacionalista Daniel Castro criticou o que denominou "parálise" da Secretaria Xeral de Emigración, "que se limitou a esperar ata o último momento" e defendeu o traballo realizado pola portavoz de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda. Ao BNG sorprendeulle "ademais a confirmación por parte do Goberno de Uruguai "da negativa do Goberno galego a axudar nesta difícil situación, aínda que llo pediron".
Segundo explicou Castro, a preocupación do nacionalistas respecto da sociedade vira tamén contorna ao "desmantelamento do patrimonio, a situación socio-sanitaria dos socios galegos co cesamento ambulatorio e o traslado e derivación de pacientes a outras entidades integradas no Sistema Nacional de Saúde de Uruguai".
"A isto súmase a situación dos traballadores e a súa redistribución a respecto da antigüidade e salario, así como a garantía da cobertura e calidade asistencial de persoas usuarias, moitas delas maiores e en situación precaria", sinalan.
Explican ademais que o pasado 5 de abril, "debido á necesidade urxente de constituír unha nova asociación para salvagardar o patrimonio", constituíuse en Montevideo o centro 'Casa de Galicia- Centro Histórico-Cultural'. A este respecto, o BNG solicitou o recoñecemento da galeguidade por parte do Goberno galego, "como herdeira da antiga sociedade Casa de Galicia".
Os socialistas, pola súa banda, resaltaron o contexto "moi negativo" no que se está dando esta situación. "Incrementáronse as necesidades sanitarias por Covid e económicas e sociais polos sucesivos confinamentos en Latinoamérica", apuntou Pablo Arangüena.
Ante unhas necesidades que cualificaron de "inxentes", Arangüena censurou a decisión da Xunta de destinar 19.000 euros a "instalar un cruceiro en Miami", demostrando "pasividade" ante o peche da Casa Galicia. "Esa é a realidade da Xunta de Galicia", asegurou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.